Todo o persoal de cafetaría e restaurante
Chegou ao fin das datas de Nadal e empezan a verse os primeiros ‘movementos’ no sector hostaleiro. Así, traballadores e responsábeis sindicais amosaron este luns o seu rexeitamento ao Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) extintivo que vén de anunciar a nova dirección do Hotel Bahía de Vigo. Esta medida, apuntan, suporía o despedimento das 25 traballadoras da cafetaría e do restaurante.
Foi por iso que o cadro de persoal do hotel, integrado por 32 persoas, desenvolveu unha protesta diante do establecemento esta mañá, coincidindo coa constitución da mesa de negociación do ERE.
“Mandaron ao persoal 15 días de vacacións”
Tal e como explica a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, na reunión de hoxe a nova propiedade do hotel -tras a súa adquisición o pasado mes de novembro- limitouse a comunicar o inicio do ERE e a entregar a pertinente documentación, fixando a primeira xuntanza negociadora para o vindeiro venres día 20 ás 12:00 horas.
A representación sindical preguntou o motivo polo que se procedeu a pechar a cafetaría e o restaurante o pasado luns, antes incluso de terse iniciado as conversas do ERE. “Mandaron a todo o persoal de vacacións 15 días a pesar de que aínda non xeraran estes días libres, polo que presentamos unha denuncia diante da Inspección de Traballo”, sinala Fernández. A resposta da empresa foi que se fixo ao rematar a tempada de Nadal, algo que obviamente non acontecera até o de agora.
“Ocupación completa dende o mes de agosto”
Por iso dende CIG sospeitan que en realidade o que pretende a nova propiedade é externalizar servizos e desfacerse do persoal que ten unhas condicións laborais consolidadas, xa que nalgúns casos levan máis de 40 anos na empresa. “Algo que non ten sentido porque se trata dun negocio rendíbel, que se mantivo ocupado completamente dende o mes de agosto”.
Por iso, os traballadores iniciaron un calendario de mobilizacións que, cando menos, se vai a desenvolver a diario de 11:00 a 12:00 horas até o vindeiro venres, día 20, diante do establecemento, onde despregaron unha faixa e berraron consignas contra os despidos.