Celébrase cada ano en Vigo
Imaxes: Paula Cermeño/Desde o 18 de xaneiro ata o 12 de xuño o Galician Freaky Film Festival abre os buzóns para a recepción de filmes que formarán parte da súa 7ª edición. A inscrición é gratuíta é pode facerse a través do formulario dispoñible na súa web , ou a plataforma Festhome. No 2022, o GFFF recibiu preto de 650 filmes dos cinco continentes, cos que construiu unha sorprendente escolma do máis destacado do audiovisual freak.
Sen límite de traballos por autor
A convocatoria que lanza o Galician Freaky Film Festival cada ano está aberta á participación de cineastas profesionais ou afeccionados de calquera parte do mundo, sen límite de traballos por autor, sempre e cando foran producidos en 2021 ou despois. Só se admitien curtametraxes, que deben ter unha duración máxima de 30 minutos e encaixar nalgún dos estilos do festival: terror, fantasía, ciencia ficción, comedia ou freak.
Tamén poderán presentarse filmes dirixidos a público infantil que queiran formar parte do Pequefreak, a xornada que, desde hai dous anos, o certame dedica en exclusiva a mergullar o público miúdo na cultura freak e infundir a paixón pola sétima arte nas xeracións máis novas.
Do 22 ao 30 de setembro
Os filmes seleccionados pasarán a formar parte da sección oficial da sétima edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará entre o 22 e o 30 de setembro, tanto presencial como online, e optarán a algún dos 8 premios que o certame reparte, outorgados polo público e por un xurado especializado.
Esta será a primeira edición na que os gañadores das tres categorías máis destacadas do certame (Gran Premio GFFF á curtametraxe máis freak, Premio Olimpo dos Freaks á curtametraxe máis aplaudida e Premio Olimpo dos Pequefreaks) reciban un premio en metálico de 200€, ademáis da característica estatuíña do Dinoseto decapitado.