Ata o vindeiro 14 de febreiro
A Concellería de Emprego e Formación de Covelo, que dirixe Lourdes Enes, vén de poñer en marcha a enquisa do proceso de participación veciñal do ‘VII Plan de Formación 2023’. Así, os orzamentos do Concello contemplan por sétimo ano consecutivo unha partida orzamentaria para a execución do Plan de Formación dirixido á veciñanza, con preferencia para as persoas desempregadas.
Propostas das veciñas e veciños
“Co obxecto de determinar os cursos máis axeitados e a programación ao longo do ano, sométese o plan a consulta pública para que tódalas persoas interesadas poidan facer as súas propostas tanto das temáticas dos cursos que lle gostaría facer como da calendarización”, explica a concelleira.
Diferentes cursos a elixir
A cidadanía poderá elixir entre os cursos de acompañante de transporte escolar; alfabetización dixital; busca de emprego; contabilidade; informática; manipulador de alimentos; primeiros auxilios; operador/a apilador-transpalet eléctrico; también operador/a de carretillas elevadoras; operador/a de ponte grúa; primeiros auxilios e xestión de stock e control de almacén.
Como novidade preséntase o curso de apicultura de alto interese na zona dadas as características medioambientais de Covelo e que pode supor un bo aproveitamento dos recursos naturais obtendo produtos de alta calidade.
Como participar?
As persoas dispoñen de distintos xeitos de participar, poden cubrir a enquisa e presentala a través do correo electrónico [email protected], ou a través da sede electrónica na páxina web www.concellodecovelo.es ou nas oficinas de Rexistro do Concello de Covelo ata as 14 h do 10 de febreiro de 2023.