Dende este martes, 31 de xaneiro, ata o 28 de febreiro
A Deputación abrirá este martes, 31 de xaneiro, o prazo para participar no programa DepoAventura A Lanzada, que se espallará entre o 25 de xuño e o 9 de setembro nas instalacións que a institución provincial ten no Grove.
Así, ata o 28 de febreiro poderase solicitar algunha das 1.540 prazas ofertadas para desfrutar do completo programa de lecer que a Deputación organiza cada verán, cun amplo abano de actividades encamiñadas ao enriquecemento persoal da rapazada.
Nas e nenos nados entre 2010 e 2015
Lembra que os campamentos desenvolveranse en 11 quendas entre o 25 de xuño e o 9 de setembro e están dirixidos a nenas e nenos empadroados na provincia e nados entre os anos 2010 e 2015. Asimesmo, o tiro de saída ao programa DepoAventura A Lanzada terá lugar o 25 de xuño, coa primeira quenda que se espallará ata o 1 de xullo.
As restantes terán lugar entre o 2 e o 8 de xullo; 9 e 15 de xullo; do 16 ao 22 de xullo; 23 ao 29 de xullo; entre o 30 de xullo e o 5 de agosto: do 6 ao 12 de agosto; do 13 ao 19 de agosto; entre o 20 e o 26 de agosto; entre o 27 de agosto e o 2 de setembro e do 3 ao 9 de setembro.
En cada unha das quendas participarán 140 nenas e nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 se
reservarán para menores en risco de exclusión social e as 1.330 restantes seguirán o procedemento xeral. Todas as prazas serán adxudicadas por sorteo.
Máis de 12.500 participantes
Desde 2015 pasaron pola Lanzada un total de 12.529 nenas e nenos da provincia. No 2022 as nenas e nenos realizaron unha completa listaxe de actividades deportivas e de lecer na praia pero tamén iniciativas de coñecemento da contorna natural; excursións ao Monte da Siradella e á Illa de Ons; obradoiros de pulseiras; personalización de gorras; pintura, xogos e veladas nocturnas; unha recreación dunha feira romana (Arde Lanzadus); actividades circenses (malabares, clown, equilibrios); xincana de pistas, así como crearon a mascota do campamento e realizaron un obradoiro dedicado ás mulleres na ciencia.