Todos os procesos que estaban pendentes de comezar a fase de exame
A Xunta de Galicia publicou este venres as datas de exame para 35 oposicións e máis de 900 prazas de emprego público co obxectivo de que os aspirantes poidan planificar a súa preparación. Os exames afectan a 35 procesos, que son todos os que estaban pendentes de comezar a fase de exames.
O desglose é o seguinte: 24 no mes de xuño, 9 en xullo e dous reservados para persoas con discapacidade intelectual que se realizarán no mes de outubro. En total, hai máis de 40.000 aspirantes inscritos para estas oposicións.
Calendario
No mes de xuño terán lugar os exames para 218 prazas de emprego público e todos se realizarán en Santiago de Compostela.
Na segunda semana de xuño realizarase o primeiro exame para Química (A1) e Química (estabilización), Arquitectos (A1) e Arquitectos (estabilización), Enxeñería industrial (A1) e Enxeñería industrial (estabilización), e Arqueólogos.
Na terceira semana de xuño será a quenda de Enxeñería de Minas (A1), Arquivos (A1), Bibliotecas (A1), Bibliotecas (promoción interna), e Museos (A1), Arquitectos técnicos (A2) e Arquitectos técnicos A2 (estabilización); Escala de xestión de sistemas da información A2 (estabilización); Enxeñería técnica industrial A2 e Enxeñería técnica industrial A2
(estabilización); Enxeñería técnica de obras públicas A2; Enxeñería técnica de Minas A2; Bibliotecas (A2); Museos (A2); e Arquivos (A2).
E xa na cuarta semana terá lugar o primeiro exame para Axentes de inspección C1 (vixilancia de estradas) e Axentes de inspección C1 (dominio público hidráulico).
En canto ao mes de xullo, na primeira semana realizarase o primeiro exame para o Corpo Superior (A1), o Corpo de Xestión (A2), o Corpo Administrativo (C1) e o Corpo Auxiliar (C2). Os exames serán no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda.
Na segunda semana será a quenda de Finanzas (A2), a Escala técnica auxiliar de informática (estabilización), Auxiliar de clínica (C2), Auxiliar coidador (C2) e Agrupación profesional de persoal subalterno. Todos terán lugar en Silleda agás o de Finanzas e o da Escala técnica auxiliar de informática (estabilización) que serán en Santiago de Compostela. No mes de xullo a Xunta realizará exames para acceder a 650 prazas.
Finalmente, na primeira semana de outubro en Silleda será a quenda da agrupación profesional de persoal subalterno reservada para persoas con discapacidade intelectual e para o Corpo Auxiliar (C2) tamén reservado para persoas con discapacidade intelectual. En total, 33 prazas.
O calendario pode consultarse na web da Xunta a través do seguinte enlace:
http://www.xunta.es/dxfp/Xenericos/NOTA1exer2023.pdf .