Conta cun orzamento de 40.000€
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou os traballos de construción dunha glorieta elíptica na intersección da estrada autonómica PO-331, no alto de San Cosme, nos concellos de Vigo e de Mos.
Trátase dunha actuación, que conta cun investimento de preto de 40.000 euros, centrada nesta intersección, situada no punto quilométrico 7+600, no que a PO-331 conflúe coas vías que conectan coa Universidade de Vigo, co núcleo de Erville e con outros importantes equipamentos da zona.
Así, na actualidade, esta intersección na PO-331 regúlase mediante unha glorieta partida. De aí que, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria dos xiros neste punto, os traballos que se veñen de comezar adecuarán a intersección mediante a implantación dunha glorieta, que tamén contribuirá ao calmado de tráfico.
Deste xeito, para poder acoller de modo axeitado os diferentes viarios que converxen na vía autonómica, a glorieta adaptará a súa forma cunha planta elíptica. A mesma contará cun radio mínimo 12,50 metros, que disporá dun carril de 6 metros de ancho, con beiravía, tanto exterior como interior, de ata 1 metro de ancho.
A illa central da glorieta terá unhas dimensións de 15 metros de ancho e 30 metros de longo e contará cun gorxal de 2 metros de ancho, empedrado, de maneira que poida ser puntualmente remontable para os vehículos.
Interrupcións temporais do tráfico
Como é lóxico, para a execución da glorieta é necesario demoler previamente as isletas existentes, e tamén acondicionar parte da superficie demolida que ocupan as actuais isletas mediante a reposición do firme. Ademáis,
tamén se adecuará á nova configuración da intersección a sinalización horizontal e vertical. Finalmente, procederase á colocación dos carteis de orientación necesarios para indicar os destinos na estrada PO-331.
Para executar estas obras é necesario intervir sobre a plataforma existente en toda a zona de actuación, o que poderá dar lugar a interrupcións temporais do tráfico ou á súa regulación mediante circulación alternativa.