Trátase dunha investigación sobre a ciruxía de cáncro de recto
O especialista en Cirurxía xeral e dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Vincenzo Vigorita, acaba de obter o doutoramento con sobresaliente cum laude pola Universidade de Santiago de Compostela, pola súa teses sobre cirurxía de cáncer de recto.
A súa investigación tiña como obxectivo estudar os “factores de risco de efectos adversos oncolóxicos que inflúen na evolución e prognóstico da cirurxía de cáncer de recto”.
Para isto, o doutor Vigorita analizou retrospectivamente unha serie de variables demográficas, preoperatorias, cirúrxicas e anatomopatolóxicas en 445 pacientes diagnosticados de cáncer rectal e intervidos con intención curativa no período 2008-2017 no servizo de Cirurxía xeral e dixestiva do Chuvi. A finalidade principal desta análise era coñecer a influencia e o impacto de cada unha destas variables na supervivencia libre de enfermidade; isto é, o tempo despois do tratamento durante o que non se detecta ningún signo de cáncer.
A terceira parte dos cancros colorrectais
O de recto constitúe, aproximadamente, a terceira parte dos cancros colorrectais diagnosticados no noso medio. En España, estas patoloxías representan o primeiro cancro por incidencia e o segundo por mortalidade.
Nos últimos anos a introdución da extirpación do mesorrecto – tecido graxo que rodea ao recto e contén os vasos rectais e linfáticos-; a abordaxe multidiciplinar; o tratamento individualizado e os coidados perioperatorios, modificaron substancialmente o prognóstico dos pacientes intervidos por cáncer rectal.
Conclusións: existen factores de risco
Como conclusións desta investigación o doutor Vigorita asegura que “no cancro de recto hai factores prognósticos que inflúen na evolución e prognóstico da enfermidade, e a súa presenza é fundamental para identificar a pacientes susceptibles dun seguimento mais estrito e dun tratamento post operatorio mais agresivo. Tamén comprobouse que ter unha unidade especializada é fundamental para manter altos estándares oncolóxicos”.
Neste senso, cabe subliñar a constatación de diversas variables que resultaron ser factores prognósticos: localización tumoral no terzo rectal inferior, tumor pobremente diferenciado, perforación rectal, marxe circunferencial afectado, invasión perineural, necesidade transfusión perioperatoria e calidade mesorrectal insatisfactoria.
Proposta sistema de estadíaxe
Ademais, outro dos obxectivos desta tese era validar os sistemas de estadiaxe deste tipo de cáncer: a estratificación é un xeito de describir un cancro. O estadío indica onde se encontra, o seu tamaño, ata onde creceu nos tecidos adxacentes ou se hai diseminación aos ganglios linfáticos ou a outras partes do corpo.
Por iso, unha correcta estratificación axuda aos facultativos a planificar o mellor tratamento, que pode incluír o tipo de cirurxía, e se debe utilizarse quimioterapia e ou radioterapia. Ante a controversia existente sobre a capacidade prognóstica da estratificación ganglionar post-operatoria do sistema convencional (TNM), estudáronse outros sistemas como o Logaritmo de Ganglios Linfáticos Positivos (LODDS). “Este sistema, que non se utiliza rutinariamente, debería ser empregado, xa que proporciona un valor predictivo máis preciso nos pacientes con ganglios negativos, e probablemente poida identificar a pacientes que se poidan beneficiar dun seguimento oncolóxico máis estrito”, explica Vincenzo Vigorita.
340 cirurxías anuais de cancro colorectal
Nestes momentos no CHUVI realízanse ao redor de 340 cirurxías de cancro colorrectal anuais -das que aproximadamente un cento son rectos– unha cifra das máis altas a nivel estatal en relación co volume de casos atendidos .
A Unidade de Coloproctoloxía do complexo hospitalario vigués, que depende do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestivo, cumpre os máis altos estándares de calidade, o que lle valeu a acreditación en nivel avanzado pola Sociedad Española de Coloprotología. Esto a converte nun referente nas patoloxías de colon, recto e ano.