Con temperaturas normais para esta época
Galicia comezou o ano 2023 cun mes de xaneiro normal en canto ás temperaturas e moi húmido. De feito, as precipitacións rexistradas foron un 92% superiores ao habitual, unha anomalía que ten o seu precedente máis próximo no ano 2016, cando choveu neste mesmo período un 142% máis do agardado.
Así o reflicte o segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por MeteoGalicia, segundo a cal a precipitación media acumulada o pasado xaneiro foi de 290 litros por metro cadrado o que supón que as chuvias acumuladas superaron os valores climáticos normais para esta época do ano.
Temperaturas
En canto á temperatura media do mes, situouse apenas 0,1 graos por riba do esperado tendo en conta os rexistros obtidos nas estacións galegas máis representativas durante o período de referencia 1981-2010, o que fai que xaneiro poida considerarse como normal.
Así, en xeral, o mes estivo marcado por unha grande variabilidade, con dúas partes moi diferenciadas: ata o día 20 prevaleceron as baixas presións, con moita inestabilidade, chuvias abundantes e temperaturas moi suaves. Pola contra, os últimos días de xaneiro a situación cambiou completamente a un tempo seco e frío, debido á predominancia dos ventos de compoñente norte.
Deste xeito, a temperatura media das máximas situouse en 10,3 graos mentres que a media das mínimas foi de 3,2 graos.