Incorpora unha Andaina non competitiva e Pequetrail, para os máis pequenos
O vindeiro 6 de maio terá lugar a ‘5ª edición do Trail Orixes Mondariz‘, unha carreira a pé polos montes de Mondariz, Fornelos de Montes e Covelo. Así, o prazo de inscrición comezou este 15 de febreiro, ás 20:00 horas, e estará aberto até o 1 de maio, ás 23:59 horas, na plataforma www.empa-t.com.
Andaina non competitiva
A gran novidade desta edición é a introdución das categorías non competitivas de Andaina, de 13 km, e Pequetrail, con tres distancias para nenos e nenas de 3 a 14 anos de idade. Estas súmanse ás categorías da última edición do Trail Orixes Mondariz, celebrada o ano pasado: Minitrail, de 14 km; Trail, de 25 km; Maratón, de 40 km; e Ultra, de 60 km.
Entre as seis categorías suman 750 prazas: 100 para Pequetrail, 100 para Andaina, 200 para Minitrail, 150 para Trail, 100 para Maratón e 100 para Ultra.
Participantes
As persoas inscritas no Trail Orixes Mondariz 2023 terán dereito a avituallamentos durante a carreira e na meta, un agasallo conmemorativo, asistencia sanitaria durante o transcurso da proba, duchas e zona do corredor, con bar, petiscos e música.
Percorrido circular
Nesta quinta edición, o percorrido volverá ser circular, con saída e chegada na praza de España de Mondariz. Discorrerá por Riofrío, Aboal, Festín, Gargamala, Caxil, Vidueiros, Foxo do Lobo de Estacas, Lago de Piñeiro, Caxil (Mosteiro de San Xoan), Sabaxáns, Cernadela e Mondariz, con diversos controis que están especificados nas bases de participación. O día 5 de maio convocarase ás persoas participantes a unha charla técnica.
Pequetrail
A nova categoría non competitiva de Andaina compartirá percorrido e horario de saída co Minitrail, recortando a distancia en 1 km, aproximadamente. O Pequetrail, destinado aos máis cativos, contará con tres distancias en trazado semiurbano: Xabarín, de 1.500m, para nenos e nenas de 10 a 13 anos; Raposo, de 800m, para idades de entre 6 e 9 anos; e Esquío, de 100m, para meniños e meniñas de 3 a 5 anos. A inscrición nesta nova categoría será gratuíta.