Dará servizo a un milleiro de deportistas
O presidente da Xunta inaugurou este luns a nova pista de atletismo situada no recinto feiral de Vigo (Ifevi). Alfonso Rueda destacou que a mesma “contribuirá a que o deporte galego en xeral, e o de Vigo en particular, siga sumando éxitos” e subliñou que dará servizo a un milleiro de atletas. Así, engadiu, poderán adestrar nas instalacións ao longo de todo o ano, á marxe das condicións meteorolóxicas.
“Época dourada do atletismo en Galicia”
Rueda subliñou a tradición do atletismo na cidade olívica, onde naceu hai pouco máis de cen anos a Federación Galega de Atletismo. Esta modalidade deportiva, comentou, “está a vivir unha época dourada en Galicia con máis de 10.000 licenzas e 28 atletas galegos olímpicos”. Así, isto “facilitou que nos últimos Xogos unha deportista galega,
Ana Peleteiro, acadara a primeira medalla olímpica do atletismo galego“. Alfonso Rueda falou do “orgullo” que representaban para todos os galegos os éxitos duns deportistas que cada vez deixan máis alto o nome de Galicia”.
Por último, o presidente indicou que esta obra demostra que a actividade feiral –“que é e seguirá sendo a prioridade do Ifevi”– pode ser compatible con outros usos, como xa quedara patente no recinto de Ourense, no que se construíu unha pista de atletismo cuberta, ou no rocódromo de Lugo.
“Un pano sobre o cemento“
Para o Concello esta pista non é máis que “un pano sobre o cemento”, unha “instalación low-cost que non responde ás necesidades do atletismo”.
Así, en opinión do concelleiro Carlos López Font, a Xunta tería que facer na cidade “unha grande instalación singular para a práctica do atletismo”. Na súa opinión, solucionaron este tema cun miles de euros, cando son precisos millóns para un grande centro deportivo.
López Font cualificou de ridícula a achega da Xunta polo ‘alugueiro’ deste pavillón do Ifevi, “prácticamente cero…20 veces menor do que pagan os expositores” que acuden ao recinto feiral. Por isto, pediu que as tarifas que se cobran ás empresas baixen, “dende xa” e se axusten ao que paga a administración autonómica.