Comarcas Vigo al minuto

Vigo estará conectada por tren coa PLlSAN a finais de 2025

Suporá unha inversión de 5,7 millóns de euros

En marcha o apartadoiro ferroviario da Plisan

Suporá unha inversión de 5,7 millóns de euros

A Xunta investirá 5,7 millóns de euros na construción do futuro apartadoiro ferroviario da Plataforma loxístico industrial Salvaterra – As Neves, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, tras reunirse co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.

Ángeles Vázquez lembrou que esta área, da que son promotores a Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio Zona Franca, está chamada a ser “a gran zona de actividades loxísticas da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para a xestión e almacenamento de mercadorías” e, ademais, permitirá impulsar o tráfico ferroviario deste tipo en Galicia.

Concluído antes de que remate 2025

Máis polo miúdo, este novo apartadoiro, que conta xa cun informe de impacto ambiental, “que conclúe que non son previsibles efectos significativos para o medio ambiente”, disporá dunha lonxitude de vías de 750 metros e a previsión de que estea concluído antes de que remate 2025.

Permitirá operar tres trens lanzadeira co porto de Vigo e mellorar a capacidade de almacenamento de mercadorías. E, a maiores, servirá para que todas as empresas emprazadas na Plisan poidan utilizar o tren para o subministro de materias primaras, compoñentes e a distribución posterior dos produtos.

Modificación do proxecto sectorial

Por outra banda, segundo explicou a conselleira, co obxectivo de dar resposta ao “grande interese” do tecido produtivo en parcelas desta área industrial, o Goberno galego segue a traballar no seu desenvolvemento. Nesa liña, está a traballar na modificación do proxecto sectorial e nas expropiacións necesarias para poder implantalo e atender as necesidades dos sectores que precisan grandes superficies para a súa instalación.

1 millón máis de metros cadrados

De feito, no marco da modificación puntual do Plan sectorial de ordenación das áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) que está en tramitación, a Xunta está a avanzar na incorporación á Plisan de preto de 1 millón de metros cadrados, que permitirán a ampliación dos terreos urbanizados, nos que xa non quedan parcelas de grandes dimensións.

Así, con esta ampliación esta plataforma pasaría a contar cunha superficie total de 4 millóns de metros cadrados, reforzando a súa posición como a maior bolsa de solo industrial do sur de Galicia.

También te puede interesar