Dende Mariña Española ata o instituto
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar o contrato para as obras da primeira fase de humanización da avenida de Galicia (PO-323), en Teis, por importe de 1,26 millóns de euros.
Deseño na Avenida de Galicia
Así, o deseño para a avenida de Galicia busca coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar na antiga ETEA. Por iso, a Xunta prevé iniciar os traballos, que teñen un prazo de execución de 12 meses, na segunda quincena do vindeiro mes de abril.
Ampliación de beirarrúas
Esta obra abrangue a mellora e ampliación das beirarrúas en ambas as marxes do treito de actuación, de modo que sexan máis continuas e accesibles, así como a execución dunha glorieta na intersección entre a avenida de Galicia (PO-323) e a avenida da Mariña Española, pola que se accede á ETEA. Así mesmo, incluirá a recolocación das marquesiñas; a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.
Novo aparcadoiro
A nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis, ao non ser viable a situación inicialmente prevista enfronte do centro de saúde, e manteranse as prazas de aparcadoiro actuais, na avenida de Galicia, entre os números 104-120 e nos números 67-69, que inicialmente se suprimían.
Segunda fase
O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé finalizar a actuación cunha segunda fase que complete a mellora da estrada en Vigo, ata o límite con Redondela, e cuxo proxecto xa foi aprobado esta semana cun investimento de 4,1 millóns de euros.