A Xunta investirá na mesma 4,1 millóns de euros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción das obras da 2ª fase da humanización da Avenida de Galicia, en Teis.
Esta nova intervención suporá un investimento na estrada autonómica PO-323 de 4,1 millóns de euros, no que se inclúe o pagamento dos 54 predios necesarios para a execución das obras desta 2ª fase da actuación nesta vía de entrada da cidade.
Comezo das obras en outono
A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello do Goberno galego do pasado 23 de febreiro, Así, a Xunta prevé licitar as obras neste mes de marzo, co obxectivo de comezar os traballos no outono e telos rematados en 14 meses.
O detalle da intervención
Esta nova intervención completará as actuacións da 1ª fase de humanización desta vía no treito de 500 metros que vai desde a avenida da Mariña Española ao IES de Teis, cun investimento de 2,5 millóns.
Máis concretamente, nesta 2ª fase de humanización da PO-323 actuarase no treito de 1,56 quilómetros comprendido entre o límite municipal de Vigo con Redondela ata oIES de Teis. Así, o proxecto configúrase para fomentar a mobilidade segura e sostible, así como para mellorar a mobilidade interna da cidade.
Por iso, nesta actuación incluirase a reposición de pavimento dos itinerarios existentes; a execución de zonas de aparcadoiros e a habilitación de pasos peonís sobreelevados nas interseccións que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís.
Tres novas zonas de aparcadoiros e 75 prazas máis de estacionamento
En canto aos novos aparcadoiros, está previsto dotar tres novas zonas cun total de 167 prazas, o que unido ás prazas que se conservarán nas marxes da estrada, supón que haberá 273 prazas en total. Así, gañaranse 75 prazas con respecto ás 198 actuais.
Alegacións
Tras a análise das achegas recibidas, procederase a retranquear o saínte da vivenda no número 293 da Avenida de Galicia, igualándoo coa aliñación da edificación contigua. Tamén se valorará a expropiación do terreo e a expropiación da parte da vivenda a demoler, e incluirase a reconstrución do resto da vivenda, dentro das obras a realizar.
Como resultado das alegacións, tamén se levará a cabo o reforzo da semaforización no acceso ao Colexio Público San Salvador e a mellora de instalación semafórica no cruzamento entre Baixada á Rotea e a avenida de Galicia.