Terá 134 dependencias e un auditorio para 400 persoas
A delegada da Xunta avanzou este luns que o arquitecto Alfonso Penela resultou gañador do concurso de ideas convocado para deseñar o novo Centro do Asociacionismo de Vigo no vello edificio dos xulgados da rúa Lalín. No acto, Marta Fernández-Tapias destacou o “éxito da convocatoria”, cun total de 29 proxectos presentados, feita polo Goberno galego en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG).
Así, subliñou Fernández-Tapias, o proxecto suporá un antes e despois para as asociacións e colectivos da cidade, xa que por fin terán a súa gran casa no barrio do Travesas”.
Reutilización do 95% da estrutura exitente
Nesta liña, o propio arquitecto Alfonso Penela sinalou que a súa proposta reutilizará o 95% da estrutura xa existente e dotará ao inmoble dun auditorio con aforo para 400 persoas. Ademais, tamén levará a cabo a apertura de ágoras centrais cada dúas plantas, cun hall para actos e os locais organizados e dispostos en forma de anel.
Licitación do proxecto
Para elo, apuntou Fernández-Tapias, o vindeiro mes de maio levarase a cabo a licitación do proxecto técnico, básico e de execución. O mesmo incluirá o proxecto de seguridade e de saúde, de xestión de residuos, a certificación enerxética e o proxecto de telecomunicacións.
Ademáis, a delegada explicou que se habilitarán locais na planta baixa e na primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que na actualidade son aparcamento e zona de arquivos. Así, en total, poderían habilitarse unhas 134 dependencias.
Estas obras inclúen intervencións na carpintaría, revestimentos, acabados e instalacións, así como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio. Para levalas a cabo, o orzamento estimado -incluíndo as tres plantas do soto- ascende aos 12,6 millóns de euros.
Dinamización das Travesas
Por último, Marta Fernández-Tapias sinalou que “con este proxecto ofrecemos novas dotacións e servizos á poboación do barrio e renovamos as infraestruturas, tamén co Centro de Saúde Olimpia Valencia no edifico da Audiencia. Deste xeito, “mantense a actividade económica en toda a área de rúa Coruña e praza de América”, apuntou.