Entregouse este luns na sede da Deputación en Vigo
A sede de Vigo da Deputación de Pontevedra foi un ano máis o escenario do recoñecemento que fai a provincia de Pontevedra ás mulleres do mar, comprometidas coa súa profesión, coa calidade das materiais primas e tamén coa sostibilidade do planeta.
Dula Piñeiro
Os III Premios Mulleres Salgadas, outorgados pola Asociación Mulleres Salgadas –única en Galicia formada por profesionais femininas que traballan no mar–, recoñeceron a Dula Piñeiro, veciña de Vilanova que leva 34 anos dedicándose ao marisqueo a pé tralo seu paso por unha fábrica de conservas. Así ao acto de entrega asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva –que entregou á homenaxeada o seu premio, a figura ‘Mar Peixeira’ de
Sargadelos–, así como representantes de colectivos pesqueiros, persoal investigador e parlamentarias galegas.
“Fortaleza das mulleres do mar”
Silva, sinalou “a fortaleza das mulleres do mar, representadas pola figura de Dula Piñeiro, unha muller brava e traballadora que merece o maior dos recoñecementos”. A presidenta agradeceu “a iniciativa da Asociación Mulleres
Salgadas, coa que tanta relación temos nesta Deputación, por darlle visibilidade ás mulleres do mar, loitadoras e comprometidas co seu sector, coa calidade dos nosos produtos e coa sostibilidade do mar”, e que ademais “son sinónimo de unión e de sororidade, porque traballando unidas é como se conseguen os avances”.
Carmela Silva asegurou que “grazas a estes premios hoxe moitas e moitos de nós coñecemos a Dula, pero tamén a Raquel Souto, premiada en 2021, e tamén a Rita, Carmen e Pepita, premiadas en 2022; mulleres que, de non ser por este recoñecemento, probablemente seguirían sendo anónimas, pero que agora están gravadas con letras de ouro na nosa historia”.
“As mulleres do mar somos as científicas mariñas”
A homenaxeada Dula Piñeiro é un exemplo do que unha muller pode facer uníndose a outras mulleres. “As mulleres do mar –remarcou ao recoller o premio – somos as científicas mariñas, as que vemos se hai mortaldade, os vertidos… Somos as que sufrimos co mar, as que vemos que cada ano desaparecen especies e aparecen outras invasoras que lle sacan o espazo ás nosas, máis débiles. Somos moitas e temos deberes pero tamén dereitos e teñen que dárnolos”. Por iso esta “mariscadora e guerreira”, como así se autodefine, asegurou que “case quedo sen alento cando souben deste premio” e agradeceu “a todas as persoas que me dan ánimo e me din que siga e que valgo. Sempre me considerei unha pouca cousa, e ensináronme que valgo, que son única, que todas as persoas temos os nosos dons e temos que ensinalos”.
Especialmente detívose en María José Vales, antiga patroa maior de Vilanova, á que deu as grazas “por ser a máis valente, a propulsora do cambio no noso mundo”.
A Gala de entrega do III Premio Mulleres Salgadas
O acto estivo conducido pola actriz, narradora oral e creadora escénica grovense Atenea García, e contou coa actuación do grupo tamén meco Cinco en Zocas, composto por cinco mulleres que recollen, recuperan e difunden a música tradicional con colleita propia.
Este é o terceiro ano consecutivo no que se entregan os premios, que naceron para poñer en valor o esforzo xeneroso e descoñecido das mulleres do mar como homenaxe a estas mulleres anónimas, descoñecidas polo público, que desde o seu labor sacrificado, solidario e positivo contribúen de xeito innegable ao desenvolvemento e progreso das profesións do mar.
A premiada nesta terceira edición, Dula Piñeiro, é unha persoa colaboradora, entusiasta e con moitas ganas de contribuír co seu esforzo a mellorar as condicións de traballo e de vida dela e das súas compañeiras. A este respecto destaca o seu postulado a patroa maior da confraría A Pastoriza de Vilanova nas eleccións celebradas a finais do pasado 2022 (comicios nos que non saíu escollida, pero aos que se presentou facendo fronte a moitas dificultades).
Os seus inicios como mariscadora están marcados pola sobreexplotación, a falta de control e tamén a precariedade e a conflitividade previas á regularización do marisqueo en Galicia, así como a discriminación cara ás mulleres ao considerarse a súa actividade como un complemento e non un emprego. Na actualidade Dula Piñeiro valora moito o seu traballo e a liberdade que ofrece, malia que asegura botar de menos un maior compromiso social e ambiental por parte das persoas que viven preto da costa e denuncia os vertidos e a contaminación no mar, que provocan que o marisco morra, non medre e apenas teña rexeneración.