Será o 9 de abril polas Ribeiras do río Umia
A Deputación de Pontevedra abre este luns, 27 de marzo, o prazo de inscrición para a terceira das rutas ornitolóxicas programadas dentro da sexta edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 9 de abril, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística das Ribeiras do río Umia, nos concellos de Cambados e Ribadumia, e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos.
Inscrición
Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poderán anotarse desde este luns, na páxina web da Deputación (www.depo.gal ).
Umia
O Umia atravesa a provincia desde Forcarei ata Arousa. Este corredor fluvial, protexido pola Rede Natura 2000 no seu último tramo, ábrese paso entre as diversas paisaxes e constitúe un lugar atractivo para aves paseriformes como a papuxa das amoras, o pimpín común ou o ferreiriño subeliño, entre outras.
Ademais, o mosaico agrícola que rodea o Umia, con sementeiras de cultivos heteroxéneos, atrae xílgaros, tordos comúns, bubelas, andoriñas comúns e dáuricas, rulas comúns ou lagarteiros comúns. Augas abaixo o río discorre entre xunqueiras e carriceiras, vexetación idónea para especies palustres coma o rascón, a folosa das canaveiras, a carriza dos xuncos, a lavandeira amarela ou o picapeixe.
Xa na súa desembocadura, no Espazo Natural Umia-O Grove, crea un esteiro influenciado polas mareas no que observar aves acuáticas coma garzas, limícolas, gaivotas, patos e corvos mariños.
Expertos en ornitoloxía
A andaina polas ribeiras do Umia, nos concellos de Cambados e Ribadumia, estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as e os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e apropiada para moverse polo campo, así como protector solar.
Cada participante terá a súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como un directorio de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.