E se vives en Vigo o mesmo pode chegar aos 48.000 euros
A Xunta de Galicia publica este martes no Diario Oficial de Galicia a primeira convocatoria do programa de avais públicos dirixido a menores de 36 anos, para facilitarlles a compra da súa primeira vivenda. Así, o prazo para que os interesados poidan presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica abrirase o próximo 28 de abril e estenderase ata o 30 de novembro.
Ata o 20% do prezo da vivenda
A convocatoria conta cun orzamento global de ata 5 millóns de euros e ten como obxectivo facilitar o acceso da mocidade galega ao seu primeiro fogar en propiedade. Para iso, aproba a concesión, por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), de avais hipotecarios que poderán chegar ata o 20% do prezo de adquisición do inmoble.
Residencia habitual
Deste xeito, a vivenda terá que estar localizada en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente do comprador polo menos durante o período de duración do aval. Neste sentido, no momento en que o propietario abone á entidade financeira a cantidade equivalente ao aval público recibido, este perderá a súa vixencia.
Hipoteca de entre o 80 e o 100% do custo do inmoble
Será condición imprescindible que a hipoteca para a que se solicita o aval supoña entre o 80% e o 100% do importe de adquisición da vivenda. Así mesmo, as contías que abone o beneficiario deberán destinarse exclusivamente ao pagamento da débeda hipotecaria.
Vigo: ata 48.000 euros avalados pola Xunta
Ademais, o importe de adquisición do inmoble non poderá superar as seguintes contías: 240.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; 180.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol ou en concellos de tamaño medio e carácter periurbano; e 130.000 euros no resto de municipios galegos.
Deste xeito e tendo en conta que o aval non pode exceder o 20% do prezo de compra da vivenda, a contía máxima respaldada pola Xunta será de 48.000 euros para o primeiro grupo de concellos; de 36.000 euros para o segundo e de 26.000 euros para o terceiro.
Ingresos anuais de entre 16.800 e 46.200 euros
Así mesmo, os beneficiarios deberán acreditar uns ingresos anuais de entre 16.800 euros e 46.200 euros, chegando a 54.600 euros, se a compra do inmoble corre por conta de máis dunha persoa. Ademais, este aval é compatible con todas as axudas que convoca a Xunta co mesmo fin.