Vigo al minuto

Esixen a anulación das licenzas do ‘pelotazo urbanístico’ en Cabo Estai

Após do informe “demoledor” do Secretario Xeral do Pleno do Concello

El Gobierno local asegura que la Xunta confirmó la legalidad del vial de Cabo Estai

Após do informe “demoledor” do Secretario Xeral do Pleno do Concello

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe a anulación das licenzas urbanísticas para a construción de novos chalés en Cabo Estai en primeira liña de costa. Así, dende o BNG reiteran esta demanda após o “demoledor e incontestábel” informe do secretario xeral do Pleno que determina a ilegalidade das actuacións, denunciadas durante meses pola Asociación Veciñal de San Miguel de Oia e polo propio Bloque.

Ilegalidade manifesta

“Dende o BNG levamos advertindo dende o 21 de abril do pasado ano da manifesta ilegalidade que se estaba a a acometer na nova urbanización en Cabo Estai”, subliñou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía. Por iso, nesta liña, Xabier P. Igrexas, lembrou que nese momento xa solicitara formalmente á Xerencia Municipal de Urbanismo a suspensión cautelar das obras até que se resolveran as “evidentes irregularidades” sobre o proxecto.

Qué vai facer o Goberno local?

Igrexas interpelou este martes á edil de Urbanismo, María José Caride, para que aclarase se vai proceder á revisión destas licenzas “ilegais”, tal como vén de sinalar o máis alto funcionario do Concello. O informe da Secretaría Xeral constata a ilegalidade tanto da parcelación como do novo vial executado, autorizados de maneira contraria a dereito por Caride, e que eran a condición de posibilidade para a construción de 6 novos chalés a escasos metros do mar, nun espazo que o novo PXOM pretende protexer polo seu elevado valor ambiental”, denunciou.

O concelleiro do BNG cualificou de “insultante” a defensa da responsábel de Urbanismo, que afirmou que este informe, solicitada polo Bloque xunto co resto de forzas políticas da oposición, era a primeira advertencia sobre a ilegalidade deste proxecto en Cabo Estai. “A resposta ofrecida por Caride é tan preocupante como inaceptábel”, reprochou após as continuas denuncias e mobilizacións veciñais e tamén por parte do BNG na Xerencia.

Así, sinalou que son “numerosos” os indicios de irregularidades que foron gañando en “intensidade e claridade” durante os últimos meses. Entre eles, a incoación dun expediente por parte Axencia da Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e as recentes investigacións abertas pola Fiscalía. “Como dixemos hai apenas uns días algo cheira a podre nesta argallada urbanística”, alertou Igrexas.

Advertencia

O edil do Bloque criticou que a concelleira de Urbanismo se limitara a sinalar que se vai acordar unicamente a suspensión cautelar das licenzas e que os servizos técnicos da Xerencia estudarán o informe, mais insistindo na legalidade das actuacións. “Diante desta resposta evasiva, o BNG advertimos tanto a Caride como ao alcalde, Abel Caballero, que é un delito actuar a sabendas contra a legalidade nunha decisión administrativa”, polo que dixo esperar que o Goberno municipal “rectifique e anule as licenzas ilegais”.

Que non “encubran” as ilegalidades

Dende BNG aseguraron que esperan que o Goberno municipal obre en consecuencia en lugar de tentar “xustificar ou encubrir” as ilegalidades. O Bloque “non vai tolerar que se decida o urbanismo da cidade en función dos apelidos de ninguén”, remachou Igrexas, que avanzou que van exercer todas as accións políticas, administrativas e mesmo xudiciais para acabar coa “barra libre urbanística en favor duns poucos”.

También te puede interesar