Ata o vindeiro 2 de maio
A Xunta de Galicia ten aberto o prazo para a inscrición nos campamentos de verán destinados ás persoas con discapacidade. Así, ofértanse 250 prazas nun total de 14 quendas en tres emprazamentos diferentes: no Albergue Xuvenil de Gandarío, e nas Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carbaliño.
Quen pode solicitar praza?
Poden solicitar praza nos campamentos que teñan recoñecida a condición de persoa con discapacidade, cunha idade comprendida entre os 11 e os 50 anos e presentan calquera tipo de limitación ou necesidade especial. O prazo está aberto ata o día 2 de maio.
Aloxamento, manutención e actividades
Os campamentos contan con aloxamento, manutención, un programa de actividades de animación sociocultural, material necesario para as actividades, equipo técnico de persoal especializado e atención sanitaria.
Así, os requisitos para solicitar praza son: ter recoñecida unha porcentaxe de discapacidade igual ou superior ao 33%, ter unha idade comprendida de entre os 11 e os 50 anos, estar empadroado nalgún concello de Galicia; ou non padecer trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade, entre outros. Toda a información pode consultarse nesta ligazón.
Solicitudes
As solicitudes, acompañadas do informe médico, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, dirixíndoas á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude e indicando no asunto relacionado “CAMPAMENTOS
DISCAPACIDADE 2023”.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e- servizos/chave365). Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa.