Apuntan ao Goberno de Abel Caballero como responsable
A sección sindical da CIG no Concello de Vigo denuncia que “a cada vez máis deteriorada” política de persoal do Goberno local está a afectar negativamente o funcionamento dos servizos públicos. Iste é así até o punto de que se opta por contratar empresas privadas para levar a cabo distintas funcións ante a falta de traballadores municipais.
302 vacantes
De feito, apuntan dende a CIG, o “atraso nas ofertas de emprego” provoca que das 302 vacantes actuais, tan só 110 están ocupadas de xeito interino. A consecuencia foron os peches temporais como os do arquivo municipal ou da oficina de Benestar Social de Teis.
Contratación dunha empresa para pagar as becas de libros “antes das Eleccións”
Por iso, dende a centra sindical censuran que esta falta de persoal levou o Concello a contratar unha empresa para que se faga cargo das becas para libros por importe de 205 euros, “porque o Servizo de Educación está baixo mínimos”. De xeito que “para poder pagar as becas antes das eleccións” botaron man dunha compañía para tramitar as solicitudes a cambio de 15.000 euros. “Puideron ter contratado persoal administrativo por acumulación de tarefas, pero é máis fácil pagarlle a unha empresa”, lamentan.
Peche da Oficina de Benestar de Teis
Esta escaseza de traballadores provocou tamén o peche da oficina de Benestar Social de Teis, hai un par de meses e do arquivo municipal durante os tres días laborábeis da Semana Santa. Así, “esta situación é consecuencia directa do atraso e da lentitude en rematar as ofertas de emprego, porque das 302 vacantes existentes na actualidade só 110 están ocupadas interinamente”, sinalan. Ao advirten que de seguir con este ritmo á hora de convocar as ofertas de
emprego algúns destes interinos van a rematar o seu contrato ao superar os tres anos que establece a lei.
Todos os servizos faltos de persoal
“Con esta porcentaxe de vacantes non hai un servizo que non estea falto de persoal, o que lle dá un plus de tensión e ansiedade ao persoal que ten que suplir o traballo das vacantes, ademais de traducirse nunha falta de atención á cidadanía, con citas a longo prazo ou co peche de oficinas”.
Atrasos nas ofertas de emprego
Como exemplo de todo isto, dende a CIG poñen os atrasos nas ofertas de emprego, como a dos anos 2017-18-19, cuxo prazo de solicitudes rematou o 16 de novembro do 2022, sen que a día de hoxe (5 meses despois) se publicase aínda a lista de persoas admitidas e as datas das probas.
“Se é inaudito tardar máis de catro anos en rematar unha oferta de emprego, o que non pasa en ningunha outra administración, o máis grave é que as prazas convocadas (64) nesta fase (a terceira) son as das categorías máis baixas. E logo xustifican a privatización de servizos municipais aludindo á de persoal”. A maiores, sinalan que parte destas 64 prazas son de promoción interna, polo que este atraso está a restrinxir o dereito do persoal fixo a promocionar profesionalmente.
E as ofertas de emprego de 2020, 2021 e 2022?
E tamén se preguntan cando teñen pensado convocar as ofertas de emprego de 2020-21-22. Con respecto á de 2023 lembran que segundo a lexislación debera aprobarse un mes despois dos orzamentos. “Estamos case en maio e non amosaron nin a intención de negociala”.
En canto á oferta de emprego de estabilización, explican que dende que se publicaron as bases xerais en decembro as bases específicas seguen sen coñecerse, “polo que a este paso xa estarán xubilados algúns dos afectados”.
No referente ao concurso de traslados indican que no mes de decembro aprobáronse na Mesa de Negociación as bases para os grupos C2 e C1, “pero a día de hoxe non están nin se esperan”. E igual no que ten que ver coa creación de bolsas para contratacións: en marzo de 2022 publicáronse as bases para crear bolsas para contratacións de técnico de prevención, técnico de xestión e axente de igualdade. “Mais un ano despois están sen rematar”.