O alcalde esixe, ademáis, a apertura da conexión coa PO-400 e o fin dos cheiros da depuradora
O Concello das Neves percibirá, antes de que remate o verán, 800.000 euros procedentes da ‘monetarización’ dos terreos da Plataforma Salvaterra-As Neves (PLISAN), que conta, actualmente, con 1 millón de metros cadrados no termo municipal nevense. A aprobación do pago desta cantidade, que corresponde ao dereito de aproveitamento dos terreos asignados á Plataforma Loxística, foi asinada polos promotores da mesma, Xunta de Galicia, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca de Vigo, e polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, hai moi poucos días.
Grande importancia
O alcalde lembra a importancia que ten para As Neves a recepción desta cantidade, que estará íntegramente distinada ao incremento do patrimonio municipal, o cal “reverterá na mellora da xa boa situación económica e financieira do Concello”. Con todo, esta sinatura e o ingreso desta cantidade, non exime, como inistiu o alcalde ante dos promotores da PLISAN, de que se completen “canto antes”, outras accións que son de relevancia para o conxunto das veciñas e veciños das Neves.
Apertura do acceso á PLISAN dende a PO-400
Trátase da apertura do vial de acceso á PLISAN dende a rotonda da estrada PO-400, na parroquia de Liñares. Xosé Manuel Rodríguez instou, reiteradamente, á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, e aos outros dous promotores da Plataforma Loxística a que “abran canto antes ao tráfico este vial”.
“Non só non ten sentido mantelo pechado, senón que se impide, así, a conexión coa estrada a Ponteareas e co autovía A-52, dirección Ourense e Vigo”, subliña o alcalde, quen insiste na necesidade de aproveitar esta nova conexión para “aumentar a seguridade” e evitar un rodeo innecesario, especialmente aos transportistas profesionais que teñen que moverse por esta zona e que verían reducido, deste xeito, os tempos desplazamento.
Eliminación dos cheiros da depuradora
Nesta mesma liña, Xosé Manuel Rodríguez volveu a esixir aos promotores a que tomen dunha vez as medidas necesarias para acabar co deficiente funcionamento da depuradora da PLISAN. A causa dos mesmo, “veciños e veciñas de varias parroquias das Neves están soportando, dende hai xa varias semanas, cheiros desagradables que causan prexuizos na súa vida cotiá”. É urxente realizar xa os cambios necesarios na estación depuradora para rematar con este fedor, que non ten xustificación algunha nunha instalación que, aseguráronos, cumpría coas condicións máis esixentes de tratamento das augas residuais e de respecto ao medio ambiente.