Desenvolve o seu traballo dende hai un ano no Centro de Saúde de Maceira
Covelo vén de renovar o servizo público de atención temperá. Fíxoo xunto aos concellos de A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario e o Melón que compartirán, grazas á sinatura dun convenio de colaboración, este servizo de atención psico-social e familiar. O mesmo está destinado a satisfacer os dereitos e necesidades das nenas e dos nenos con dificultades no desenvolvemento, ou en risco de padecelos, e das súas familias.
Xa funciona dende hai un ano
Así, o servizo de atención temperá de Covelo xa desenvolve o seu traballo dende hai un ano os mércores en horario de mañá e tarde na súa sede do centro de saúde de Maceira. Ademáis, o mesmo abrangue as prestacións de: diagnose e valoración de trastornos de desenvolvemento; desenvolvemento psicomotor; cognitivo; desenvolvemento da linguaxe e comunicación; desenvolvemento da autonomía; da área social e afectiva; apoio, información habilitación e formación da familia.
Máis servizos
Deste xeito, agora o convenio asinado entre A Cañiza, Mondariz, Mondariz Balneario, Melón e Covelo permite unir esforzos para ofrecer novos servizos á veciñanza e optimizar os recursos económicos dos concellos. Así mesmo, o servizo de atención temperá de Covelo está integrado na Rede galega, que se marca como principios a descentralización e proximidade e o achegamento eficiente do servizo ás persoas destinataria. En consecuencia, o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, recoñécese como o idóneo para o desenvolvemento deste tipo de servizo.
Sumando esforzos
“Conveniar e sumar esforzos é o xeito de poder ofrecer novos servizos á veciñanza cando de xeito individual non é viable. O goberno de Covelo seguirá traballando en mellorar o día a día das persoas coa oferta de novos servizos e a mellora dos existentes” explica o alcalde, Pablo Castillo.
Inclusión
Por iso, o servizo de atención temperá atenderá ás familias que sexan derivadas por pediatría e permitirá empregar as ferramentas precisas para facilitar o desenvolvemento da autonomía persoal e a inclusión social dos nenos e das nenas con necesidades específicas. Así, a agrupación de concellos dirixirá o seu traballos á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno.
De pedagoxía a fisoterapia ou educación social
Para facelo posible, o servizo contará cun mínimo de tres integrantes; será interdisciplinar e estará integrado por profesionais diferentes de entre os seguintes graos: pedagoxía; psicopedagoxía; psicoloxía; logopedia; educación social; traballo social; maxisterio; enfermería; terapia ocupacional; fisioterapia e medicina.