Galicia Vigo al minuto

A Deputación enche a provincia de actividades deportivas con ‘DepoActívate’

Carmela Silva presentou hoxe o programa completo

Carmela Silva presentou hoxe o programa completo

A presidenta da Deputación informou hoxe en rolda de prensa do lanzamento da programación dunha nova edición do programa “Depo Actívate”, co que a institución provincial agrupa cada ano todas as súas actividades encamiñadas a fomentar o deporte e o turismo deportivo e a difundir o patrimonio natural e cultural da provincia de Pontevedra.

“Depo Andainas”, “DepoRutas BTT”, “Depo Orienta” e “Depo Auga”

Deste xeito, renóvanse os programas “Depo Andainas”, “DepoRutas BTT”, “Depo Orienta” e “Depo Auga”, cun total de 13 actividades que se celebrarán entre os meses de xuño e outubro. Ademais, en “Depo Actívate”, cun orzamento de 4 millóns de euros, tamén se inclúe a liña “Depo Promo” de promoción de eventos deportivos singulares e as liñas de axudas aos clubs da provincia.

Turismo, deporte, grandes eventos, saúde e natureza

Carmela Silva explicou que “Depo Actívate” ten cinco eixos de traballo: “turismo activo; economía sostible; fomento de grandes eventos; máis deporte, máis saúde e máis natureza; e deporte como sinónimo de mulleres”. E avanzou que cada unha das actividades deportivas incluídas no programa contarán con 200 prazas agás as de “Depo Auga”, onde se ofrecerán 32 prazas por quenda, e para todas elas a participación será gratuíta.

‘DepoAndainas’

No marco das “Depo Andainas”, a Deputación organiza este ano 4 camiñadas que este ano serán temáticas e que, como lembrou a presidenta, “non son só rutas de sendeirismo, senón unha forma de vivir e de coñecer os lugares máis espectaculares da provincia”.

Así, as 4 actividades serán: a ruta da mazá na Estrada, o 25 de xuño (apertura de inscricións o 5 de xuño), ruta da auga en Silleda, o 23 de xullo (apertura de inscricións o 26 de xuño), ruta do miradoiro da Siradella no Grove, o 10 de setembro (apertura de inscricións o 24 de xullo), e finalmente a ruta do Viño Rías Baixas en Cambados, o 8 de outubro (apertura de inscricións o 11 de setembro).

DepoRutas BTT

En canto ás “DepoRutas BTT”, as actividades permitirán coñecer a riqueza natural, ecolóxica e patrimonial dos montes da provincia con 3 competicións de ciclismo de montaña adaptadas ás esixencias de cadaquén. Celebraranse na Costa da Vela en Cangas, o 27 de agosto (apertura de inscricións o 5 de xuño), na Ruta Cultural en Mondariz, o 24 de setembro (apertura de inscricións o 4 de setembro) e Serra do Cando en Forcarei, o 29 de outubro (inscricións desde o 25 de setembro).

Depo Orienta

A Deputación tamén segue apostando pola modalidade deportiva da orientación trala boa acollida das anteriores edicións de “Depo Orienta”, onde se poderá practicar este deporte en familia para gozar da natureza. As tres rutas celebraranse no Monte Aloia en Tui o 16 de xullo (apertura de inscricións o 5 de xuño), no Monte do Vixiador en Redondela o 17 de setembro (apertura de inscricións o 10 de xullo) e na Illa de Arousa o 15 de outubro (inscricións desde o 18 de setembro).

“Depo Auga”

Por último, a Deputación tamén renova “Depo Auga”, onde ofrece unha experiencia única de practicar pádel surf e caiac para poñer en valor as rías e os ríos da provincia. Serán tres actividades que se celebrarán en Combarro e a Illa de Tambo en Poio, os días 17 e 18 de xuño (apertura de inscricións o 5 de xuño), na desembocadura do Río Verdugo e Salinas de Ulló en Vilaboa, a fin de semana do 15 e 16 de xullo (apertura de inscricións o 19 de xuño), e finalmente en Cesantes e a Illa de San Simón en Redondela os días 29 e 30 de xullo (inscricións o 17 de xullo). As 32 prazas repartiranse ao 50% cada un dos días de celebración da actividade: 16 os sábados e 16 os domingos.

Eventos deportivos singulares

Carmela Silva tamén deu conta da liña “Depo Promo”, coa que a Deputación renova o seu compromiso cos eventos deportivos singulares da provincia “que nos referencian e que fan que veñan moitas persoas para participar deles”. No marco desta liña, a Deputación patrocina as probas: O Gran Camiño (24-27 de febreiro); a Copa de España Féminas Cofidis (26 de marzo); a concentración da Selección Española de Baloncesto en Vigo cara ao Eurobasket (que se está a desenvolver esta semana); Verán Deportivo (entre xullo e agosto); a Epic Race Pontevedra (4 de xuño); a Triple Corona Illas Atlánticas (10 de setembro); a Pontevedra Trail League (entre o 12 de febreiro e o 19 de novembro); a Costa Atlántica MTB Tour (23-25 de setembro); o Pontevedra 4 Picos Bike (do 14 de maio ao 26 de xuño); o 15k do Atlántico  (1 de outubro) e o III Sportech Congress.

También te puede interesar