Na confluencia das vías que conectan coa Universidade
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar a construción dunha glorieta elíptica na intersección da estrada autonómica PO-331, no alto de San Cosme, entre Vigo e de Mos.
Esta actuación, cun investimento que rolda os 40.000 euros, consistiu na adecuación da intersección situada no punto quilométrico 7+600, no que a PO-331 conflúe coas vías que conectan coa Universidade de Vigo, co núcleo de Erville e con outros importantes equipamentos da zona.
Calmado do tráfico
Os traballos supuxeron o acondicionamento da intersección mediante a implantación dunha glorieta, que contribuirá ao calmado de tráfico. Así, executouse unha glorieta de planta elíptica, de radio mínimo 12,50 metros, cun carril de 6
metros de ancho, con beiravía, tanto exterior como interior, de ata 1 metro de ancho.
A illa central da glorieta ten unhas dimensións de 15 metros de ancho e 30 metros de longo e conta cun gorxal de 2 metros de ancho, empedrado, de maneira que poida ser puntualmente remontable para os vehículos.
Tamén se adecuou á nova configuración da intersección a sinalización horizontal e vertical, e colocáronse carteis de orientación necesarios para indicar os destinos na estrada PO-331.