Non hai prazas xa ata xullo
O mes de xuño comeza con dúas novas rutas do programa da Deputación de Pontevedra “Bosques Terapéuticos”, nas que as persoas participantes poderán desfrutar de actividades baseadas na terapia de shinrin yoku ou “baño de bosque”, unha técnica orixinaria de Xapón que consiste en internarse na natureza para relaxar a mente e reducir o nivel de tensión.
Cultura, historia e saúde
As rutas, que mesturan natureza, exercicio, cultura, historia e saúde, serán este sábado 3 de xuño pola contorna da Carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, e o domingo pola Fervenza do Toxa, en Silleda.
Cerdedo-Cotobade
No caso da camiñada pola Carballeira de San Xusto, poderán gozar dun percorrido dende as 10:00 horas por este espazo natural, cun itinerario que arrancará nos baños de San Xusto e finalizará na ponte nova sobre o Lérez. Ademais das explicacións sobre a vexetación que se pode atopar na zona, como carballos centenarios e castiñeiros e carballos americanos, as e os asistentes coñecerán tamén diversos aspectos históricos e etnográficos deste espazo do concello de Cerdedo-Cotobade.
Silleda
En canto a ruta do domingo, que se desenvolverá pola contorna da Fervenza do Toxa, no concello de Silleda, os e as participantes poderán admirar un lugar no que a vexetación, a rocha e a auga se funden para acadar esta obra mestra da natureza. Alí, o río Toxa cae uns 30 metros en vertical e esculpe a rocha de mil xeitos, todo elo rodeado dun denso bosque con carballos, castiñeiros, sobreiras e decenas de especies máis, a gran maioría autóctonas da zona.
Xuño: prazas esgotadas…
Ao longo do mes de xuño realizaranse tamén camiñadas pola Ruta da Pedra e da Auga, pola ponte colgante do Lérez, o Lago Castiñeiras, o Río Eifonso e a Illa de Tambo, se ben as prazas están xa todas esgotadas.
…reserva para xullo ou agosto
Quen queira gozar destas saídas dos “Bosques Terapéuticos” aínda poderá facelo nas rutas previstas para os meses de xullo, para as que a inscrición abrirá o 12 de xuño, e de agosto, con inscricións a partir do 17 de xullo, a
través do formulario que atoparán na web provincial (www.depo.gal).