Ecoloxistas en Acción celebra o “Día Internacional do Cirrio” arrincando de maneira oficial a tempada 2023 da campaña “As Tres Mosquiteiras”. A mesma ten por obxecto concienciar á sociedade civil sobre a necesidade dun maior esforzo colectivo pola conservación das aves migratorias urbanas. Así focalizánse nas tres especies de insectívoras con maior presencia nas nosas cidades e pobos: o cirrio común (Apus apus), a andoriña común (Hirundo rustica) e o avión común (Delichon urbicum).
Esenciales no control de pragas
Estas especies chegan cada primavera ao territorio español para reproducirse e nidificar. Son insectívoras, o que fai destas especies axentes fundamentais para o control de pragas, que afectan tanto a cultivos como á nosa saúde. Ademais as tres especies están incluídas na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. A Lei estatal 42/2007,de Patrimonio Natural protexe de forma efectiva a estas aves, as súas crías e ovos.
Asi mesmo, o Artigo 334 do Código penal establece penas de prisión de seis meses a dous anos ou multa de oito a vintecatro meses a quen realice actividades que impidan ou dificulten a súa reprodución ou migración.
Están a desaparecer
Con todo, as poboacións seguen descendendo. Estímase que desde 1998 houbo un declive do 40% de poboacións de cirrio común na zona mediterránea. No caso da andoriña común trátase de máis do 50%. A última actualización do Libro Vermello das Aves de España sitúa a ambas as especies en categoría “vulnerable”.
En áreas urbanas e centros históricos é habitual ver como se destrúen colonias enteiras debido a obras de construción e rehabilitación de edificios ou infraestruturas ou restauración de fachadas por non respectar os espazos e época de cría. Tamén é habitual que o deseño final destas actuacións non se adapte para que poidan volver situarse as colonias destruídas.
Por este motivo, a campaña “As Tres Mosquiteiras” de Ecoloxistas en Acción elaborou un modelo de Ordenanza Municipal para a Protección de Espazos de Nidificación e Refuxio de Fauna Silvestre Urbana que axude aos concellos para garantir o cumprimento da lei.
Medidas
- Seguimento e rexistro de colonias existentes nunha base de datos que se revise periodicamente.
- Conservación de beirados, saíntes e oquedades en obras de rehabilitación e restauración de fachadas e cubertas.
- Incorporación aos deseños de obra nova de elementos que favorezan a nidificación.
- Evitar a realización de obras en fachadas e estruturas durante a época reprodutora (marzo/agosto).
A campaña “As Tres Mosquiteiras” leva en activo tres anos. Durante o 2023 centrará os seus esforzos en promover a adopción de ordenanzas municipais a partir do modelo elaborado mediante campañas locais de concienciación cara á cidadanía e negociación coas autoridades. Continuará o seu labor divulgativo a través de actos educativos, roteiros ornitolóxicos, censado de colonias, talleres de construción de niños e denuncia das malas prácticas. Para facilitar isto último, pon ao dispor da cidadanía un modelo de denuncia para ser presentado ás autoridades locais.