O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra vén de superar as 300 adopcións no que vai deste ano 2023. A cifra superouse este pasado luns 5 de xuño coa marcha de “Rocky”, un cachorro que fora rescatado en maio tras ser abandonado nun monte de Marín xunto a outras dúas femias da mesma
camada.
Como el, xa son 306 os cans e cadelas ás que atoparon un novo fogar desde as instalacións da Armenteira desde o 1 de xaneiro, o que supón unha media de case 2 animais por día.
Todas no territorio español
As 306 adopcións acadadas desde xaneiro foron todas en territorio estatal a maioría formalizadas en Galicia (265), e o resto en Castela e León e Asturias (14), Asturias (14), Castela A Mancha (6), Cataluña (4), Madrid (2) e Estremadura (1).
No que se refire a Galicia, a meirande parte das saídas producíronse na mesma provincia de Pontevedra (196), seguidas das 31 en Ourense, 30 en Lugo e 8 na Coruña. O concello con máis adopcións foi Vigo (33), seguido de Pontevedra (25). Na provincia tamén hai que destacar os rexistros de Sanxenxo e Nigrán (ambos con 11 adopcións), amais dos de Redondela (10), Meis e Cambados (con 8), Vilagarcía e Ribadumia (7), Gondomar (6) ou Poio, Lalín e A Lama (con 5).
Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados.
O persoal asesora as persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitas como para formalizar as adopcións pídese cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou 886 217 391.