Nava Castro mantén a man tendida a ACIP, desde o 28 de maio, cando o PP foi a forza máis votada en Ponteareas, para chegar a un acordo que permita formar un goberno de coalición. O mesmo contaría con maioría absoluta (11 concelleiros de 21). Hai que lembrar que o Partido Popular acadou 7 edís (+2); BNG 6 (-3); ACIP 4 (=); PSOE 2(-1), Independentes de Ponteareas 1 e Ponteareas en Común 1.
Castro afrontar cinco días clave de negociación-as corporacións confórmanse o sábado día 17- logo de “ter sido totalmente clara e transparente dende o minuto 1”, asegurando que a única liña vermella para poder chegar a acordos é que a Alcaldía ten que ser para a candidata máis votada.
Un encontro
Ata hoxe houbo un encontro, da propia Nava Castro co cabeza de lista de ACIP, Juan Carlos González, o pasado día 1. A xuntanza, sen difusión mediática, sen equipos negociadores, durou 45 minutos e, indican dende o PP, foi un “encontro vis a vis”.
“Co-protagonista”
Para os populares ACIP ten que ser “co-protagonista [da xestión municipal] durante os vindeiros 4 anos” e confían en “chegar a acordos que dean unha oportunidade á nova etapa que se abriría en Ponteareas”. Precisamente sobre as posibilidades de cara ao pleno de toma de posesión do sábado 17 de xuño, a líder popular insiste en que “só existen dúas opcións, que non se moveron un ápice desde a noite electoral: ou ACIP se suma ao noso proxecto, ao que están invitados a formar parte activa e ser fundamentais no futuro da nosa vila, ou respectan os resultados das urnas e permiten gobernar á lista máis votada, que ademais conta co proxecto político e o equipo para facelo posible en minoría”