Comarcas Vigo al minuto

O BNG impulsa as negociacións para que “non goberne o PP” en Salceda

Apoiaría a Loli Castiñeira en base a un programa negociado tamén co PSOE

O BNG impulsa as negociacións para que "non goberne o PP" en Salceda

O BNG en Salceda de Caselas considera que “a maioría social, manifestada nas urnas o 28 de maio co voto, é un mandato a comprometerse para que non goberne a dereita”. Nas pasadas Eleccións Municipais o Partido Popular foi a forza máis votada e acadou 6 concelleiros (=); Movemento Salceda 4 (=); PSOE 2 (-1) e BNG 1(+1).

Á vista destes resultados, o Bloque impulsou conversas co PSOE e Movemento por Salceda, “manifestando o apoio á investidura sempre que haxa un compromiso para unha xestión municipal na que se poñan por diante os intereses xerais da veciñanza e procurar solucións aos problemas que nos últimos meses se puxeron de manifesto na atención a saúde e nos centros de ensino“.

Considera urxente abordar a problemática que vive Salceda en atención sanitaria (consultas médicas SOS Pediatría!) e equipamento escolar (dende o ensino infantil ao bacharelato); dada a condición de municipio con maiores taxas de natalidade e numerosa poboación infantil e mocidade.

Propostas

Sexa quen sexa a persoa que opte a desempeñar o cargo da Alcaldía de Salceda – que dacordo cos resultados debería ser a ex alcaldesa Loli Castiñeira, líder de Movemento Salceda-o BNG apoiará a investidura sempre que haxa un compromiso formalizado por escrito no que, ademais dos asuntos referidos antes, se teñan en conta os seguintes:

  • Fiscalidade.- Abordar revisión de taxas e impostos; en particular IBI e o relatorio de valores, con carácter xeral.
  • Xestión dos recursos económicos.- Comprometerse, con:
  • Transparencia na execución e absoluto cumprimento dos mecanismos de xestión que se establezan.
  • Compromiso de eliminación de todo gasto impropio (ex. Publicidade; axudas / subvencións a entidades externas, etc.).
  • Limitación da contratación de obra menor a 10.000 euros.
  • Limitación da contratación de servizos a 5.000 euros.
  • Servizos municipais.- Acabar coa privatización de servizos propios do Concello.
  • Axuda no Fogar (SAF).- Abordar a situación laboral e analizar en que condicións se presta o servizo.
  • Saneamento.- Comprometer o 25 % dos fondos de investimentos a proxectos e obras de saneamento.
  • Rede viaria propia.- Comprometer unha solución de circunvalación para O Barreiro e A Feira.
  • Rede de estradas da Xunta.-
  • Reivindicar solución definitiva ao cruce da Lagöela, con rotonda en superficie e recuperación do camiño que vén de A Lavandeira atéa rúa Lagöela, construíndo un paso subterraneo baixo a estrada.
  • Esixir mellora da beirarrúa dende o cruce da Lagöela até o IES Pedra Rubias, na travesía de Parderrubias, na marxe esquerda en dirección a Tui, no tramo coincidente co actual paseo peonil e “ciclista”; mediante o acondicionamento da beirarrúa en superficie e a nivel da actual estrada.  
  • Vivenda social.- Esixirlle á Xunta construción de vivendas socias nos terreos que dispón en Salceda, recuperando o Convenio asinado no 2008 coa Consellaría de Vivenda.
  • PXOM.- Impulso dos traballos para un plan xeral co compromiso de transparencia e coparticipación de todas as organizacións políticas do Concello.

También te puede interesar