A menos de 48 horas para a constitución da novas corporacións, hai gobernos e alcaldías que están no aire. O lema da campaña de Marta Fernández-Tapias en Vigo case que cadra mellor en Ponteareas. Alí sí que todo é posible.
Así, agora mesmo non hai acordo entre os dous partidos que poderían garantir unha maioría absoluta no Pleno do Concello: o Partido Popular, que ten 7 concelleiros (+2) e Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACIP), que acadou 4 (=).
Nava Castro, candidata do PP, ofrece a ACIP a Tenencia de Alcaldía, concellerías de goberno e un programa conxunto…pero pon un límite: non compatirá a Alcaldía. “A Alcaldía non é un xogo de tronos”, advirte. O PP segue tendendo a man a un acordo, pero apunta: “ACIP só ten dúas opcións, votar a favor de que Nava Castro sexa a próxima alcaldesa de Ponteareas e entrar no Goberno local, ou votarse a si mesmo e permitir un goberno en minoría”.
Cal sería ese goberno en minoría?
Estaría encabezado pola actual alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, do BNG, que acadou 6 concelleiros (-3) nas pasadas Eleccións. Contaría co apoio do PSOE, que ten 2 representantes (-1). Non se sabe que farían os concelleiros de Independentes de Ponteareas (1) e Ponteareas en Común (1).
Se fose así, en Ponteareas, o goberno tería que xestionar con 8 de 21 concelleiros, apenas unha terceira parte da Corporación.