Comarcas Vigo al minuto

Viño e rutas en bicicleta

Por Salvaterra, Monçao, Valença, Tui, As Neves, Arbo, Melgaço, O Rosal, Camiña, A Guarda, Vila Nova e Tomiño

Viño e rutas en bicicleta

O AECT Rio Minho vai celebrar este sábado e o vindeiro día 24 de xuño o ‘Minho Wine Experience – Vive o Rio Minho’, unha experiencia que mistura deporte, turismo e enoloxía no territorio miñoto transfronteirizo.

Bicicleta e viño

O proxecto de enocicloturismo inclúe dúas saídas de 80 quilómetros en bicicleta por concellos galegos e portugueses da raia que rematan con experiencias de degustación en adegas de viño locais.

Unhas 45 persoas ciclistas percorrerán en bicicleta por estrada cada sábado paisaxes naturais e históricas, pasando por varios concellos do Miño e de Galiza, atravesando as distintas pontes internacionais do Río Miño.

Así, na primeira xornada a saída será dende o Museo da Ciencia e do Viño de Salvaterra, para despois seguir por Monçao, Valença, Tui, As Neves, Arbo, Melgaço, e volver ao Museo de Salvaterra. As paradas serán en Fillaboa e
Soalheiro, tendo a ‘experiencia’ enolóxica (un menú degustación harmonizado con viños e a presenza de empresas produtoras portuguesas e galegas) en Salvaterra, da man de viños de Pazo do Pegullal e Soalheiro.

Día 24

O día 24 de xuño a saída será no Club Ínsua de Moledo (Caminha) . Pasarase por Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, A Guarda e de novo por O Rosal ata volver a Caminha, con paradas en Terras Gauda e o
AquaMuseu no Rio Minho. O almorzo ‘vínico’ será no Insua Clube.

A duración de cada unha das rutas será de cinco horas aproximadamente e o programa é de balde, sendo necesaria a inscrición. A intención é que participen no proxecto ciclistas profesionais, figuras públicas que practican
ciclismo, xornalistas e persoas con influencia ligados ao ciclismo ou mundo dos viños e calquera persoa que practique ciclismo de estrada. É preciso dispoñer de bicicleta propia.

Promoción da comarca

Os programas do proxecto “Minho Wine Experience – Vive o Rio Minho” teñen o obxectivo de promocionar a comarca e todas as súas potencialidades de turismo activo, sustentable e natureza, ademais de promover a gastronomía e enoloxía transfronteiriza, seguindo o exemplo doutras propostas semellantes en territorios vinícolas de moitos países.

También te puede interesar