César Gil é xa novo alcalde de Mondariz Balneario. Terá maioría absoluta -con 5 dos 7 concelleiros– coa que pon fin a 40 anos de gobernos da dereita na man de José Antonio Lorenzo.
O pasado 28 de maio a veciñanza deu ao novo alcalde un apoio abrumador, 62% dos sufraxios o cal, apuntan dende o Bloque Nacionalista Galego, permitirá abrir un tempo novo no Concello. César Gil, Rosa Alcalde, Luis Bouza, Aurora Corbacho e Mauro Chivite, serán as persoas que integren o novo goberno de Mondariz Balneario polos vindeiros 4 anos.
Un resultado só equiparable ao das Eleccións de 1931
Un resultado que, apuntan dende o Bloque “é so comparable ao acadado no ano 1931, onde segundo as fontes da época, un magnífico éxito da democracia en Mondariz Balneario poñía ao fronte da corporación a todos os candidatos esquerdistas, 1 socialista e 7 concelleiros rexionalistas“. Agora, 92 anos despois, César Gil Bernardez é o primeiro alcalde nacionalista na vila.
Un PP “sen ideas e cun alcalde fora do seu tempo”
Maila a todo, o desgaste do PP xa se evidenciara no ano 2019: daquela, só 3 votos afastaron ao BNG de acadar a maioría. Foi un resultado electoral moi axustado e “baseado nun censo que presentaba pouca fiabilidade”.
Así, os seguintes 4 anos de mandato do Partido Popular e de José Antonio Lorenzo, apuntan dende o BNG, “so fixeron afondar na súa inoperancia, e no desleixo dun alcalde e un grupo de goberno sen ideas e fora do seu tempo”.
Agora, este resultado histórico, subliñan os nacionalistas “ven precedido dun traballo intenso e continuado no tempo, durante o cal os veciños e veciñas foron testemuñas dunha forma de facer política en positivo e a favor dos intereses do Concello de Mondariz Balneario”.
A veciñanza, protagonista
Os novos responsábeis do goberno local subliña que “foi a veciñanza a protagonista principal das propostas e da confección dos programas electorais que presentou o BNG”. Unhas propostas que, adiantan, abrírá o Concello á participación e a dignificación de vía pública.
Será un Concello profundamente democrático, fiel ao espírito galeguista da súa fundación no ano 1924. Así, hoxe, como trala independencia do Concello de Mondariz, “reafirma o seu compromiso con este tempo novo que se abre na vila balnearia”.