O socialista Juan González (Nigrán, 1963), prometeu por terceira vez como alcalde de Nigrán. É a primeira ocasión dende o comezo deste período democrático, hai 44 anos, que unha mesma persoa estará tres mandatos á fronte do Concello
“Asumimos este terceiro mandato coa mesma ilusión, ganas e forza que os dous anteriores pero coa diferencia de que agora sumamos máis experiencia”, asegurou González. O rexedor, que conta con 11 concelleiros, fronte a 5 do PP e 1 do BNG, afronta o seu segundo goberno con maioría absoluta – ainda que con 2 representantes menos que hai 4 anos-.
Avó e neta
O rexedor foi investido de mans de Alfonso Vázquez e Sara Penedo, avó e neta respectivamente e que actuaron como presidente e vogal aos ser os concelleiros de maior e menor idade. A elección se produxo tras postularse tamén o PP á Alcaldía e obter os votos dos seus 5 ediles.
“Aos concelleiros que repiten e aos que non están temos que dicirlles que deben estar orgullosos do que fixemos”, asegurou. “Conquerimos unha vez máis unha maioría aplastante”, engadiu: “non é fácil contentar á maioría das persoas dun municipio, e o fixemos xa dúas veces. Ogallá sexamos capaces de repetilo unha cuarta vez”.
Asi mesmo, González ofreceu a súa colaboración á oposición do PP liderada por María José Pino e do BNG por parte de Xavier Rodríguez, quen xa fora concelleiro en dous mandatos. “Ogallá que aportedes cousas boas para Nigrán porque é o que están agardando os veciños e veciñas, nos intentaremos mellorar e esperamos non defraudar a ninguén e que sigamos cos pes no chan, as portas abertas e mirándonos aos ollos”, finalizou.