Residentes do servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) realizaron un estudo que demostrou a eficacia e seguridade da técnica anestésica WALANT en dúas cirurxías locais da man moi frecuentes, no síndrome do túnel carpiano e no dedo en resorte.
Por isto, a autora principal desta investigación, a doutora Ángela García, ven de recibir un premio ao mellor póster presentado no Congreso internacional da especialidade (EFORT) celebrado en Viena.
No estudo realizado comparouse a técnica anestésica utilizada habitualmente neste tipo de cirurxías traumatolóxicas, que é o bloqueo rexional, fronte á WALANT. Así, na convencional, realizada por un anestesista, dúrmese todo o brazo, e require realizar un torniquete para reducir o sangrado. En consecuencia, é necesario a sedación do paciente, para evitar a dor por compresión que produce o torniquete e garantir que permaneza cómodo durante toda a intervención.
Pola contra, a WALANT é unha técnica practicamente indolora que combina anestésico local, bicarbonato e adrenalina nunha única inxección. Con esta combinación de fármacos se evita a realización do torniquete e a sedación do paciente, dado que que este non presenta dor. Trátase dunha simple picada que realiza o propio traumatólogo.
Medio millar de pacientes
Segundo explica a doutora García “os nosos obxectivos foron analizar a efectividade e seguridade deste técnica. Para isto calculamos a taxa de éxito e de complicacións durante a cirurxía e o seguimento postoperatorio, ademais de realizar unha estimación de custes”.
Así, efectuouse un estudo observacional prospectivo con 508 pacientes que foran operados nos últimos anos coas diferentes técnicas anestésicas, e aos que seguiron durante un mínimo de seis meses. Neste traballo recolleron variables de todo tipo (idades, sexos, comorbilidades, ecetera) para garantir que ambos grupos foran de características homoxéneas.
Vantaxes de WALANT
“Tras o estudo observamos maior taxa de éxito estatisticamente significativa no grupo WALANT. Aínda que non se rexistrou complicacións intraoperatorias en ningún dos grupos, puidemos rexistrar máis complicacións no seguimento postoperatorio no grupo convencional, con maior porcentaxe de recidivas, infeccións, ou dor. Ademais, constatouse un aforro dun 25% dos custes por cada cirurxía porque non require nin anestesista nin preoperatorio”.
En consecuencia, entre as vantaxes que aporta esta técnica, pódese subliñar que posibilita un excelente control da dor, permitindo que o paciente estea plenamente consciente durante toda a intervención, e polo tanto pode colaborar cando se lle solicite, movilizando a man, por exemplo. Deste xeito, o cirurxián é capaz de comprobar os resultados antes de que o paciente saia do quirófano. Ademais, redúcese o tempo de hospitalización. Outra das vantaxes é que, como non se precisa de estudos preoperatorios se axiliza a execución da cirurxía. En definitiva, trátase dunha técnica que reporta un beneficio para o paciente en termos de benestar e axilidade en todo o proceso, antes, durante o despois da intervención.