A empresa galega Primux vai a distribuir en España e Portugal as bicicletas eléctricas intelixentes do fabricante asiático Urtopia. Primux adícase ao desenvolvemento de tecnoloxía accesible, con máis de 15 anos de traxectoria na fabricación de ordenadores, portátiles, tablets, smartphones ou cámaras.
Agora, vén de asinar un contrato de exclusividade para distribuir en España e Portugal as súas bicicletas intelixentes, que “buscan revolucionar o mundo do ciclismo urbano”. Son as chamadas eBikes: bicicletas que empregan tecnoloxía de última xeración e cunha estrutura íntegra de fibra de carbono que facilita o seu uso.
Control de voz, GPS ou desbloqueado con pegada dixital
Así, sinalan dende Primux, “a tecnoloxía é unha das pezas clave destas bicicletas”. “Teñen incorporado un cadro con funcións integradas de control por voz, GPS e desbloqueo por pegada dixital para facilitar tanto o seu traxecto como a súa seguridade. Ademais, presentan melloras no eido da conectividade, xa que permiten vincular facilmente un smartphone a través de tarxeta eSIM, bluetooth e wifi; mantendo informado ao ciclista de datos esenciais como a velocidade, a potencia ou a batería restante” -explican-.
Autonomía de 130 quilómetros
“Outro dos puntos clave destas bicicletas eléctricas é que están fabricadas integramente con fibra de carbono, aumentando así a súa calidade e resistencia. É o caso da cadea, que presenta unha vida útil moito maior que a dunha cadea metálica. Dispoñen así mesmo dunha batería extraíble de ións de litio de 360 Wh coa que, cunha carga de 2,5 horas, se pode lograr unha autonomía de ata 130 km”.
Sistema de seguridade, seguimento antirrobo, navegación, rexistros de viaxes e redes sociais
Ademais, as bicicletas intelixentes de Urtopia incorporan o sistema de seguridade ARES (Advanced Rear Early-indication System), no que se inclúen as luces de posición e luces de proxección. Desta maneira, o ciclista está visible en todo momento. A maiores, Urtopia conta cunha aplicación para Android e IOS que ten funcións como seguimento antirrobo, navegación, rexistros de viaxes e redes sociais, entre outras opcións.
“Ademais da súa lixeireza, o seu deseño futurista e a súa moderna tecnoloxía, esta nova modalidade de transporte axuda á conservación do medio ambiente” -apuntan desde Primux-.