Ás 5 da mañá deste luns, eu comezo a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2024. Así, o plan acordado pola Consellería do Mar e o sector sobre a pesca do polbo permanecerá vixente ata que se publique o do ano que vén, que fixará a seguinte veda.
Cantidade
Segundo establece esta planificación , a partir do 3 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 35 quilos por barco e día, á que se suman 35 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 240 quilos por xornada.
No resto da campaña a cota máxima será de 55 quilogramos por embarcación e día, aos que se engaden outros 55 quilos por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 quilos por barco e xornada de traballo.
Horario
O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06,00 horas – aínda que poden saír do porto ás 05,00 horas- e finalizará ás 16,00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.
Nasas
En canto ao réxime de calamento das nasas, de cabo Silleiro a cabo Corrubedo os aparellos terán que levantarse e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro ao Con da Aguieira aquelas que estean colocadas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calamento sen ser levadas a porto
incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde o Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto e sen limitacións de profundidade.
Na zona de Con da Aguieira ata cabo Corrubedo, ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano 2024 as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal.
No resto do litoral galego as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.
Control
A actividade estará controlada a través do programa de seguimento e control a través de Gardacostas de Galicia en colaboración cos gardapescas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto.
A maiores, a Consellería do Mar está a ultimar a modificación da orde pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na comunidade autónoma co obxectivo de permitir unha marxe de tolerancia de 50 gramos de peso -en relación co talle mínimo dun quilo- despois de realizada e rexistrada a pesada no momento do
desembarque.