Vigo al minuto

Vigo pon en marcha o programa de detección da Hepatite C

Dende este mércores, día 5

Vigo pon en marcha o programa de detección da Hepatite C

A Área Sanitaria de Vigo comenza esta semana, o mércores día 5,  a ofrecer a detección de hepatite C ás persoas de 50 e 59 anos que acudan a unha consulta médica, ao hospital ou ao seu centro de saúde, e se lle indique a realización dunha analítica por calquera outro motivo. O obxectivo é detectar casos de infección pola hepatite C nun dos grupos de idade onde a prevalencia é maior, e moitas veces pode pasar desapercibida.

Cribado

Para o desenvolvemento deste cribado empréganse actuacións innovadoras e facilitadoras que simplifican e fan que todo o proceso sexa moito máis eficiente. Entre elas están a integración automática da petición da proba para as persoas que cumpran os criterios, ou a análise mediante a agrupación de mostras de cen en cen, tamén coñecida como pooling.

Os casos positivos derívanse con celeridade para a súa atención e inician o tratamento nun prazo máximo de 21 días. Estes tratamentos, cos chamados antivirais de acción directa, logran a curación en máis do 95% das persoas tratadas.

Ampliación de grupos de idade

De igual xeito, iranse ampliando os grupos de idade nos próximos anos: no ano 2024 ofertaráselle ás persoas de 60 a 69 anos e no 2025 ás de 40 a 49 anos, para cubrir as idades onde hai unha maior prevalencia da enfermidade segundo reflicten os estudos científicos.

Xustificación

A hepatite C é unha das causas máis importantes de enfermidade hepática crónica en todo o mundo, e coñécese como a “pandemia silenciosa”: pola súa prevalencia e porque pode pasar desapercibida polo paciente. Así, a longo prazo, pode ter consecuencias importantes sobre a súa saúde, evolucionando a hepatite crónica, cirrose hepática ou cáncer de fígado.

Non existe unha vacina eficaz contra o virus da hepatite C, polo que resulta moi importante realizar un labor de prevención para reducir o risco de exposición ao virus (a transmisión por vía sanguínea é a principal vía de adquisición da infección, seguida pola transmisión por vía sexual) e fomentar a detección precoz da enfermidade. Así,  o obxectivo deste proxecto é dobre: evitar a progresión da enfermidade a nivel individual e evitar a transmisión a nivel colectivo.

Estímase que case o 30% das persoas que teñen a infección activa o descoñecen, e que a maior parte dos casos atópanse no grupo de idade de 40 e 69 anos, motivo polo cal se está implantando en toda Galicia o protocolo de detección da infección nesta poboación.

Automatizado

Expertos da Asociación Española para o Estudo do Fígado sinalan que o cribado universal por idade é a vía para eliminar a hepatite C. Sen embargo, só tres comunidades de España, Cantabria, Andalucía e Galicia, teñen a idade como criterio para cribar os pacientes, coa particularidade de que en Galicia vaise realizar de xeito automatizado e mediante o proceso de pooling xa comentado, o que permitirá chegar ao maior número de poboación posible.

Marco

Este programa enmárcase na “Estratexia de eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia”, que ten como obxectivos a redución da morbilidade e mortalidade asociadas a esta enfermidade e a súa eliminación entre a poboación galega, a través da prevención da infección, a súa detección, a vixilancia epidemiolóxica, o tratamento e a formación e investigación.

Isto fai que, actualmente, a estratexia que seguirá Galicia para acabar coa hepatite C como problema de saúde pública sexa única e modelo para outras rexións do mundo. Ademais, vai posibilitar adiantar ao ano 2026 a consecución dos obxectivos propostos pola Organización Mundial da Saúde para o ano 2030, da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e os da Alianza para a Eliminación das Hepatites Víricas en España.

También te puede interesar