Na asemblea local celebrada este martes 4 de xullo, “confirmouse o sentir maioritario da militancia” do Bloque Nacionalista Galego ante a posibilidade de entrar no goberno municipal de Redondela. Conclúe así un periplo de varias semanas nas que “dende o BNG se amosou sempre a flexibilidade que require un proceso de negociación”. Déronse pasos, primeiro no “apoio da investidura”, e despois negociando de cara ao Pleno de organización.
Inestabilidade do equipo de Digna Rivas
Entre os argumentos mencionados na asemblea , destacou “a inestabilidade amosada estes últimos días dentro do equipo de Digna Rivas”. Aínda así, o principal motivo aducido por moitos dos e das militantes centrouse no feito constatado de que “aínda que de palabra a alcaldesa afirmou en múltiples ocasións a vontade de que o BNG entrase no goberno, na práctica non amosou ningún interese por facilitar esta oportunidade“. Na proposta económica de cara ao pleno de organización o Partido Socialista non contemplou partida orzamentaria ningunha para as hipotéticas áreas de goberno do BNG.
Un único concelleiro de AER interfire noutras áreas do Goberno
Tamén se fixo referencia na asemblea ao acordo asinado entre o PSOE e AER, no que “se permite que o seu único concelleiro interfira noutras áreas do goberno. Todo o contrario do esperado dun goberno tripartito que debería basearse na coordinación”.
Así, indican os responsábeis nacionalistas, “a actitude do PSOE non facilitou que o BNG percibise boa disposición a participar nun goberno municipal que se amosa feble e non promete estabilidade”. Poren, pechouse a asemblea nacionalista, co compromiso de traballar dende a oposición, con propostas en positivo que beneficien aos e ás redondelás.