Nova etapa para a Deputación de Pontevedra: o popular Luis López ‘Lugués’ asumiu hoxe o seu cargo como presidente. O Salón de Plenos do Pazo, totalmente ateigado de público, vén de acoller a sesión constitutiva da Corporación Provincial nun acto no que os 27 deputados e deputadas electas prometeron os seus cargos. Tamén quedou fixado o equipo de Goberno que se encargará de rexer o rumbo da provincia nos vindeiros catro anos.
Atender aos 61 concellos da provincia
“Teño a intención de gobernar esta institución pensando e atendendo aos 61 concellos da provincia, sen importar o signo do seu goberno político e centrándonos exclusivamente no benestar da cidadanía da provincia” sinalou.
O novo presidente. terá ao pontevedrés Rafa Domínguez e a viguesa Marta Fernández-Tapias como vicepresidentes e a Jorge Cubela, María Ramallo, Alejandro Lorenzo, Roberto Carrero, Nava Castro, José López, Jesús Vázquez Almuíña, Isabel Couselo, Javier Tourís, Marcos Guisasola e Sandra Bastos, como parte do goberno.
“Un equipo moi potente, con xente con liderado, capacidade de traballo, coñecemento político e cercanía social”, remarcou López, quen tomou posesión do seu cargo cunha “grandísima honra e co máximo orgullo, pero tamén con absoluta humildade e con toda a responsabilidade por estar á altura do que precisan os 61 concellos da provincia e os 943.000 cidadáns que residen nela”.
Igualdade, medio ambiente e demografía
‘Lugués’ tamén tivo palabras para lembrar aos ex presidentes aos que recoñeceu o seu traballo e ante os que se comprometeu a “seguir buscando, incansablemente, o avance e progreso da nosa provincia da man dos concellos”.
Neste aspecto adiantou que o goberno provincial traballará a prol da igualdade real e efectiva, do medio ambiente e do coidado do planeta; apostará pola demografía “nun territorio cada vez máis envellecido que precisa de máis e mellores accións e políticas de conciliación para tratar de reverter esta situación”.
Asi mesmo, potenciará a cultura e a lingua; impulsará a promoción económica, a xeración de riqueza, o asentamento de empresas e creación de emprego; promoverá a mellora, mantemento e investimentos das infraestruturas; recuperará os apoios ás asociacións e colectivos veciñais, sociais, musicais, culturais, deportivos e, entre outras, sociosanitarios e impulsará políticas sociais, turísticas, deportivas, de cooperación, de xuventude, no ámbito das relacións fronteirizas, do medio rural ou do mar.