O Concello de Nigrán diporá ao longo desta fin de semana dun novo leiraparking público e gratuíto ante o cese do alugueiro do actual na rúa Torriña. Este outro aparcadoiro dispón de 1.200 m2, atópase na rúa Vilaméan (a menos de 200 metros da Casa Consistorial e onde se situaba precisamente o primeiro leiraparking municipal que tivo o Concello) e estará finalizado esta fin de semana.
Os donos do anterior pedían subir o alugueiro de 6.137 a 25.000 euros ao ano
“Quedaba a posibilidade de continuar un ano máis co contrato prorrogado pero os donos esixían unhas novas condicións económicas que o Concello non pode asumir”, xustifica o alcalde. Juan González apunta que a petición de suba dos propietarios era de 6.137€/ano a 25.000€. Este leirapaking da rúa Torriña pechou as súas portas hoxe mesmo ao reclamar os propietarios en tempo e forma a rescisión da prórroga e ofrecerlle ao Concello unhas novas condicións económicas que cuadriplicaban o prezo tasado que se asinara no contrato do 4 de xuño de 2020 (cando comezou a funcionar). “Lamentamos as molestias que ocasionará este peche durante esta semana, tiñamos a esperanza de que aceptasen a nova prórroga pero non foi así e, por sorte, dispomos de alternativa nun espazo municipal igual de céntrico”, explica González.
Tamén na Ramallosa
Este leiraparking súmase ao aparcadoiro público e 100% gratuíto da Ramallosa (rúa Argonautas, ao carón da piscina) que o Goberno local conseguíu remunicipalizar mediante a súa xestión directa e abrir en xaneiro de 2022 tras 5 anos pechado. Ademais, o rexedor subliña o Nigránbus como outra medida de mobilidade sostible, operando por vez primeira este verán e que conecta as parroquias do interior cos principáis núcleos urbanos, “unha medida que busca precisamente que deixemos o coche na casa e nos movamos en transporte colectivo”, sintetiza.