O Concello de Ponteareas xa está a poñer en marcha diferentes actuacións para a recuperación e posta en valor do río Tea ao seu paso pola vila, unha das principais prioridades do Goberno municipal. “Estamos comprometidas e comprometidos coa nosa contorna, un espazo natural único que temos que coidar con especial agarimo e no que A Freixa ten un papel importante”, explicou a alcaldesa, Nava Castro.
Neste camiño, o Concello comezou os labores de desbroce e limpeza das marxes do río e das zonas de esparexemento da contorna, así como os traballos de mantemento e conservación dos chiringuitos da Freixa e a apertura dos baños e aseos.
Calidade da auga e socorrismo
Por outra banda, “para garantir a seguridade dos veciños e veciñas”, estase a analizar a calidade da auga do río e contrataranse socorristas para o período estival. Como salientou a rexedora, “con estas accións de limpeza, mantemento e conservación queremos ofrecer a cidadanía e visitantes un espazo natural impecable, seguro e acolledor”.
Colaboración con CISAC e Tea Vivo
Xunto a estes labores, o Goberno municipal contactou tamén coas plataformas CISAC e Tea Vivo para establecer colaboracións que permitan entre todos e todas recuperar o máximo esplendor e dignidade dunha paraxe natural como a do río Tea e a do espazo lúdico da Freixa.
Dende o Concello faise un chamamento a veciños e veciñas para que extremen o coidado da contorna, sendo respectuosos e respectuosas co medio ambiente e recollendo os restos de lixo, unha colaboración fundamental para preservar e desfrutar plenamente deste espazo natural.