O voceiro municipal do BNG vén de anunciar que o seu grupo pediu amparo á Valedora do Pobo para poder ter acceso a 41 expedientes municipais relacionados co concerto de Guns N’Roses en Vigo.
Xabier P. Igrexas, sinalou hoxe que xa socilicitara eses expedientes o pasado 12 de xuño, hai preto dun mes, e que o Goberno municipal só lle remitiu un. Igrexas insiste en que o alcalde responda se “houbo algún acordo previo, tácito ou expreso” para traer á banda á cidade. Se así fose, Igrexas, que cualifica este feito e “moi grave”, quere que se aclare a clase de patrocinio comprometido; cal era o seu obxecto e , como xa adiantara o pasado día 12, se foi así, saber quen deu as instrucións para realizar o mesmo.
A produtora asegurou que houbo un compromiso do alcalde
O concelleiro do BNG lembra que as propias produtoras, nunha nota enviada aos medios de comunicación, recoñocía “un compromiso adquirido personalmente por parte do alcalde de Vigo». Live Nation España e Sweet Nocturna avanzaban ademais «as accións a tomar contra o Concello de Vigo e o seu alcalde, abranguendo aquelas xurídicas e legais, para que eseas malas prácticas, arbitrarias, non ocorran de novo, polo ben do sector». Tamén convocaban a unha rolda de prensa que, días máis tarde, quedou posposta sen data.
Houbo acordo previo?
Esa é a pregunta que os xornalistas fixeron, unha e outra vez, ao alcalde, nunha tensa rolda de prensa, o pasado 29 de xuño. Abel Caballero non a respostou, limitándose a asegurar que o concurso para ese patrocinio- por importe de 1,9 millóns e que finalmente quedou deserto- fixérase «como dixeran os técnicos».