Primeiro acto oficial como presidente da Deputación para Luis López, quen participou hoxe na presentación da nova edición de PortAmérica. O presidente estivo acompañado polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, ao director xeral da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles e representantes do ámbito privado como Juan Martínez Inchausti, responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, e do sector cultural como Kin Martínez Silva, director do festival e de Esmerarte.
No acto, López subliñou a importancia do traballo conxunto para “avanzar e construír unha provincia próspera e con futuro”. Ademais, relacionou os “puntos fortes” de PortAmérica, entre os que situou a promoción da cultura, o turismo e a sostibilidade, cos elementos clave para a Deputación.
“Este festival e este acto exemplifican con claridade cal quero que sexa a miña folla de ruta e liña de traballo destes catro anos que veñen por diante” destacou o presidente para poñer en valor a colaboración entre administracións e co sector privado que se exemplificou na presentación da nova edición de PortAmérica.

A cultura e o turismo, dous dos eixes da súa xestión
“Todos –asegurou- remando na mesma dirección, que non é outra que impulsar e potenciar a nosa industria cultural que, neste caso, vai unida ao turismo, un dos grandes motores económicos da nosa provincia”. Neste aspecto, López adiantou que a promoción da industria cultural será un dos grandes retos nos que se vai centrar o novo goberno provincial, así como o impulso aos sectores económicos da provincia como é o caso do turismo.
“Somos o principal destino turístico de Galicia e imos traballar arreo para ser, se cabe, máis competitivos do que xa somos”, asegurou. Asi mesmo, Luis López manifestou que non se perderá de vista o compromiso coa contorna natural, “porque as consecuencias do cambio climático están aí e non poden permanecer alleas ás políticas públicas”. E, para conseguilo, o presidente apelou á colaboración entre institucións e entre o sector público e privado para “dar respostas e solucións ás demandas da cidadanía e construír unha provincia con máis oportunidades”.

PortAmérica
PortAmérica trátase, tal e como remarcou Luis López, dunha das citas galegas “por excelencia” do calendario estival. Deste xeito, o presidente enxalzou a ampla oferta musical do festival, a súa proposta gastronómica a través do aclamado “Showrocking” e o compromiso que ten o evento coa sostibilidade a través de iniciativas como “Unha entrada, unha árbore”. “Sobran –asegurou- os motivos para acudir a Portas entre o 13 e o 15 de xullo”.