Amnistía Internacional (AI) reclamou ao Ministerio de Interior e ao Defensor del Pueblo que investiguen as actuacións policiais durante a folga do metal en Vigo para esclarecer posibles casos de “uso excesivo da forza”.
Así, Amnistía Internacional apunta que as imaxes difundidas por diferentes medios de comunicación e xornalistas en redes sociais, “amosan disparos indiscriminados contra unha concentración de persoas, algo prohibido polas normas internacionais sobre o uso da forza”.
“Ante as cargas policiais rexistradas estes días contra traballadores en folga do sector do metal, amosamos a nosa preocupación polas posibles vulneracións de dereitos humanos cometidas pola policía nacional”, declarou Montserrat Jáudenes, coordinadora da campaña Dereito á Protesta en Amnistía Internacional Vigo. “Instamos á Subdelegada do Goberno en Pontevedra e ao Delegado do Goberno en Galicia a que investiguen as actuacións policiais levadas a cabo nas últimas semanas na cidade“.
Prohibición das pelotas de goma na vindeira lexislatura
AI pediu tamén aos partidos e persoas candidatas pola provincia de Pontevedra un compromiso real e efectivo para prohibir o uso de pelotas de goma na vindeira lexislatura, por ser intrinsecamente imprecisas e pola elevada probabilidade de causar lesións graves. “A traxectoria das as pelotas de goma é imprecisa e indiscriminada, non se poden rastrexar e teñen un risco alto de causar lesións graves“, sinalou a voceira de Amnistía, que ten aberta unha campaña de recollida de sinaturas sobre o tema que leva máis de 15.000 apoios.
A Comisión de Dereitos Humanos do Consello de Europa insta a non utilizar este tipo de armas menos letais no contexto de manifestacións públicas. “Empregalas co propósito de castigar pode chegar a constituír actos de tortura“.
AI pediu a calquera persoa que resultase mancada nestas protestas pola acción policial que contacte coa organización nas redes sociais de AI Vigo ou escribindo ao correo [email protected], a fin de poder trasladar a información e dos datos pertinentes ao Departamento de Investigación de Amnistía Internacional.