Comarcas Vigo al minuto

O ‘Nigranbus’ a primeira liña de praia este verán

Un veciño de Chandebrito chega en 33 minutos directamente a Praia América

O 'Nigranbus' a primeira liña de praia este verán

Á praia, en bus. Baixo esta premisa o Concello de Nigrán promove o ‘Nigranbus’ este verán como a ‘primeira liña de praia’ na historia do municipio. Así, co fin de concienciar á cidadanía das múltiples vantaxes que supón o seu uso, o Concello ven de estrear en redes unha micro-obra de teatro protagonizada por Trombón (Sergio Trabazos) e Trompeta (Pedro Rodríguez), ambos pallasos de Teatro do Ar que fan unha pausa nunha actuación en Camos para ir a Praia América, un en coche e outro no Nigranbus. Quen chegará primeiro?

Rápido, seguro, sostible e sen necesidade de buscar aparcamento

“Ten todas as vantaxas: é máis rápido porque chegas sen necesidade de buscar aparcamento, resulta máis barato porque está bonificado e, sobre todo, é máis sostible medioambientalmente”, explica o alcalde, Juan González. Así, esta liña 100% municipal que comezou a funcionar a finais do ano pasado co fin de acabar coa desconexión histórica das parroquias do interior e que incluso é gratis para os menores de 21 anos coa tarxeta de transporte metropolitano.

Un veciño de Chandebrito pode coller o Nigranbus ás 16:15 horas na súa parroquia e 33 minutos despois estar pisando a area de Praia América se baixa na parada do Faro de Canido (ante a Oficina de Turismo de Gaifar). Para regresar podería coller neste mesmo punto o Nigranbus das 20:40 horas. As opcións son varias, porque se lle suma 5 minutos máis de traxecto pode ir a Prado ou Patos. Toda a información e horarios están pendurados en:  www.nigran.es/nigranbus.

Sen depender do transporte privado

“O Nigranbus é un servizo municipal de carácter social que ten a capacidade de transformar a vida de moitas persoas do interior, especialmente os maiores, que a día de hoxe dependen 100% do transporte privado para calquera asunto. Ir á praia con comodidade e sen depender de transporte privado e un dos centos de plans ou recados que facilita o Nigranbus á veciñanza. Cumpre así unha demanda ancestral”, comenta o alcalde. González lembra que de luns a venres comunica o interior cos núcleos urbanos de Panxón, A Ramallosa, Nigrán e Porto do Molle.

O servizo consta dunha liña Chandebrito-Priegue e viceversa que permite ao cidadáns de calquera parroquia do interior achegarse en máximo 45 minutos aos centros de saúde ou conectarse co autobús cara a Vigo-Baiona, con especial atención ao horario de enlace coa liña ao Hospital Álvaro Cunqueiro, Povisa e Universidade (todas estas posibilidades non existían, dependían de transporte privado ou taxi).

Ademais, permite que os viaxeiros se beneficien da Tarxeta de Transporte Metropolitano, é dicir: serán gratis os transbordos e todo para menores de 21 anos ou haberá as mesmas bonificacións a estudantes, xubilados ou desempregados (sen estes descontos sería 1,55 €).

También te puede interesar