Destacados Vigo al minuto

A Valedora do Pobo abre expediente polo patrocinio de Guns N’Roses

O Goberno local asegura que entregou todo o que pediu o BNG

A Valedora do Pobo abre expediente polo patrocinio de Guns N'Roses

A Valedora do Pobo abriu expediente polo caso do patrocinio do concerto de Guns N’Roses en Vigo tras a denuncia presentada polo Bloque Nacionalista Galego. A fronte nacionalista pediu o amparo do organismo o pasado 10 de xullo diante da “opacidade” do Goberno de Abel Caballero a facilitar acceso ao grupo municipal a todos os expedientes municipais relativos ao polémico contrato que, finalmente, foi declarado deserto.

Así, a Valedora admitiu a trámite a queixa formulada polo BNG ao entender que cumpre cos requisitos formais e demandou que o Concello informe nun prazo de 15 días das causas para denegar o acceso a esta documentación, agás dun único expediente, ao grupo municipal nacionalista. “Non imos permitir que Caballero siga escapando e tratando de esconder este caso debaixo da alfombra”, advertiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que considerou que os “numerosos indicios de irregularidades” non poden quedar sen aclarar.

41 expedientes

Para alén da investigación da Valedora, o Grupo Municipal do BNG solicitou novamente esta semana acceso íntegro a toda a documentación relativa ao concerto da banda estadounidense, en particular dun total de 41 expedientes municipais relacionados co frustrado patrocinio publicitario. Ademais, o portavoz do BNG insistiu na necesidade de que o alcalde aclare se son certas as acusacións da propia promotora sobre a existencia dun preacordo para o patrocinio publicitario.

‘Pantomima’

Igrexas asegurou que, de confirmarse, quedaría en evidencia que a licitación pública foi unha “pantomima para encubrir” este trato previo, o que implicaría “graves responsabilidades” por parte do Goberno municipal. Unhas dúbidas que, sinalou, non paran de aumentar pola “falla de transparencia” coa que está a xestionar o rexedor este caso, evitando responder aos medios de comunicación sobre o asunto e negando os dereitos do grupo municipal do BNG a “fiscalizar” a documentación.

O BNG minte

Dende o Gobeno municipal respostan que a admisión a trámite por parte do Valedora do Pobo é un procedemento habitual desta institución cuxo traballo é, precisamente, recibir as reclamacións da cidadanía e estudalas. E engaden que “a Valedora do Pobo terá o acceso á información cando estime oportuna requirila”.

Ademáis, os responsábeis municipais subliñan que “o BNG segue instalado nas mentiras xa que non existe ningunha denegación de acceso á información a este partido político”. Pola contra, aseguran, “o expediente ao que solicitou acceso o pasado 12 de xuño o edil do BNG, Xabier Pérez Igrexas, foi contestado en tempo e forma”.

A solicitude do BNG realizada…“en parte”

Respecto da nova solicitude de información realizada polo BNG o día 11 de xullo, “parte da solicitude xa está cumprimentada co acceso facilitado ao pasado 16 de xuño. Ao resto de información que solicita por primeira vez este 11 de xullo daráselle acceso en tempo e forma”.

“Intento de enganar á cidadanía”

Por iso, dende o Goberno local considera que “isto desminte as acusacións do señor Pérez Igrexas que, día tras día, insiste no seu intento de enganar á cidadanía, cunha actitude irresponsable que pon de manifesto non ter asumido a
derrota electoral do pasado mes de maio. No que a mentiras se refire, a campaña electoral do BNG comenza a parecerse á do PP”.

En calquera caso, remata a nota enviada dende o Goberno de Abel Caballero, o edil nacionalista debería explicar o motivo das súas “acusacións falsas” porque “reiteramos que, neste momento, non hai ningún requirimento de información sen contestar fora dos prazos establecidos pola normativa”.

También te puede interesar