Destacados Vigo al minuto

AER avisa de que non cederá á “chantaxe” do BNG e sinala á alcaldesa como responsable do bloqueo do Concello

Pide acudir ao Partido Popular

AER avisa de que non cederá á "chantaxe" do BNG e sinala á alcaldesa como responsable do bloqueo do Concello

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) lamenta que o actual Goberno municipal, “que se supoñía que tiña que ser forte, estea a comezar dun xeito tan lamentable”: os concelleiros de goberno teñen as súas competencias asinadas pola alcaldesa dende o pasado martes 4 de xullo pero, a día de hoxe, están a traballar sen remuneración.

No Pleno de Organización celebrado o pasado 6 de xullo, tanto o BNG como o PP votaron en contra da proposta feita pola alcaldesa para a remuneración dos cargos políticos…aínda que as motivacións de cada grupo foron ben distintas.

O PP votou en contra porque Digna Rivas non negociou co grupo municipal popular ese punto, “cando é algo que tamén lles afecta como son os soldos dos concelleiros da oposición e a remuneración dos seus voceiros”. Dende AER entenden que “é necesario fuxir de posturas dogmáticas” como as que “amosou a voceira socialista” no mesmo Pleno dicindo que nós non imos sentarnos co PP para nada. “Esas posturas, nin son democráticas nin son moi intelixentes, especialmente cando o goberno está en minoría”., sinalan dende a Agrupación de Electores.

Chantaxe do BNG

Asi mesmo, os responsábeis de AER, subliñan que o voto en contra do BNG foi unha “revancha”, porque previamente non foran aprobadas as súas “extravagantes esixencias”: vetar ao PP na representación na Mancomunidade de Vigo, por unha banda, e, por outra, reclamar un cargo de confianza para o Grupo Municipal do BNG, algo insólito na historia doConcello.

“AER votou en contra desas chantaxes e o seguirá a facer. O primeiro é antidemocrático. O PP ten dereito a ter representantes, aínda que despois non asista ás reunións da Mancomunidade (como acusa o BNG) como xeito de protesta. Entendemos que o BNG debera defender o dereito á protesta de todos o Grupos, non so o seu. Case máis delirante é a esixencia de contar cunha persoa de confianza para o BNG, un grupo na oposición, algo que nunca existiu neste Concello e que non ten explicación lóxica“.

Bombeiro pirómano

“O BNG estase a comportar como un bombeiro pirómano. Por unha banda reclamou un goberno forte pero declinou formar parte de el e, o máis grave, está a tratar de dinamitalo dende fóra”, declaran responsables de AER. No Pleno de Organización, o voceiro do BNG recoñeceu que está a favor de dignificar a política e que os seus representantes tiña que ter unha remuneración axeitada, pero que votaba en contra porque, segundo eles, incumpriuse un pacto de goberno. A este respecto, subliñan dende AER, hai que facer dous matices: o primeiro é que o BNG non tiña un acordo co goberno, pode que o tivera co PSOE, pero con AER nin se reuniu, nin negociou nin acordou absolutamente nada”. Ao mesmo tempo, subliñan dende a Agrupación de Electores, parece contraditorio nunha forza que presume de defender os intereses da clase traballadora que deixe a todos os concelleiros do goberno con responsabilidades pero sen remuneración.

A responsabilidade de Digna Rivas

Dous días despois do Pleno, AER solicitou á alcaldesa unha reunión urxente entre as tres forzas da investidura para tratar de desbloquear a situación. Isto foi o sábado 8 de xullo. AER recibiu resposta do PSOE este pasado mércores 12 para dicirnos que a xuntanza sería o venres 14, porque o xoves 13 íanse reunir co BNG previamente.

“Obviamente, a nosa resposta foi que estaban a repetir estratexia de negociar por separado (e tarde) e que aventurábamos que o resultado ía ser o mesmo: un fracaso”. Finalmente o PSOE cancelou a xuntanza prevista para hoxe venres porque “o BNG quere reunirse o luns cos grupos de goberno”.

PP: interlocutor necesario

Vista a “actitude destrutiva do BNG”, AER considera que a solución pasa máis ben por incorporar ao PP ás negociacións. No Pleno de Organización, Javier Bas amosou o seu compromiso para negociar este punto “e chegar a un acordo en cinco minutos”.

O propio voceiro do BNG no mesmo Pleno interesouse pola proposta do PP. “Xa que logo, todo parece que a solución deste bloqueo pode pasar por que se convoque unha xuntanza de todos os grupos municipais para tratar de chegar a un acordo neste punto”.

También te puede interesar