A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais á ría na contorna da praia do Fortiñón.
Esta achega foi identificada no marco das inspeccións de rastrexo de puntos de vertido inventariados previamente polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dando seguimento a unha notificación da Consellería de Sanidade dunha posible incidencia na praia e a denuncia de vertido comunicada por un particular ao servizo de Emerxencias do 112.
As inspeccións e mostraxes efectuadas polo persoal da Xunta na zona permitiron identificar a orixe do vertido nunha incidencia na impulsión da estación de bombeo de augas residuais municipais que discorre pola contorna da praia. Así, comprobouse que o persoal da empresa concesionaria do servizo municipal de augas traballaba na reparación da infraestrutura hidráulica, procedendo o Concello a efectuar tamén as actuacións pertinentes para prohibir o baño durante a realización das obras de reparación.
Nas inspeccións de seguimento na zona, os técnicos verificaron que as actuación realizadas pola empresa concesionaria no sistema de impulsión da estación de bombeo permitiron a emenda do vertido en condicións inadecuadas cara á Ría.