Galicia Vigo al minuto

350 rutas guiadas con 4.000 prazas para visitar as Illas Atlánticas ata setembro

Xa se poden facer as reservas

350 rutas guiadas con 4.000 prazas para visitar as Illas Atlánticas ata setembro

O Parque marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia oferta este verán un total de 350 rutas guiadas con
aproximadamente 4.000 prazas, para coñecer a natureza e a historia das illas que conforman este espazo natural.

Todas as rutas faranse en grupos reducidos co fin de poder ofrecer unha experiencia da máxima calidade. No caso de Cíes e Ons, as persoas interesadas poderán apuntarse xa de xeito presencial nas casetas de información localizadas nas propias illas para participar nas visitas con guía que se realizarán a diario ata o 15 de setembro.

Ademais, tamén se ofrecerán a través da central de reservas 250 prazas para asistir a algunha das excursións
organizadas todos os mércores ás 12.00 horas durante os meses de xullo e agosto no caso de Cíes, e os xoves á mesma hora no de Ons.

Cortegada e Sálvora

En canto ás rutas guiadas polos arquipélagos de Cortegada e Sálvora só hai opción de reservar a través da páxina web. En Cortegada ofrécense un total de 6 visitas todos os domingos desde o 23 de xullo ata o 27 de agosto. Para Sálvora tamén serán 6 rutas, neste caso, cada luns desde o 24 de xullo ao 28 de agosto. Estas excursións serán en grupos de 10 a 15 persoas, e o número de prazas total é de 154.

Reservas

A solicitude a través da central de reservas das visitas a Sálvora e Cortegada poderá facerse, como moi tarde, ata o xoves anterior ao da excursión; e para Cíes e Ons, ata 24 horas antes da realización da ruta para reservas en liña, ou no mesmo día en caso de facelo presencialmente nas casetas de información.

Cómpre subliñar que, aínda que todas estas rutas son gratuítas, os visitantes deberán facerse cargo do traslado ata a illa. No caso de Cíes e Ons, ao existir transporte regular durante o verán, cada persoa debe solicitar a súa autorización de visita e o seu billete. O guía, pola súa parte, estará esperando na illa.

Dende 2004

Este programa de rutas de verán do Parque das Illas Atlánticas, naceu no ano 2004, ofertando nun principio rutas guiadas ás illas de Cíes e de Ons. En 2017 ampliouse, tamén, aos arquipélagos de Sálvora e Cortegada. Grazas a el, puideron visitar estes espazos naturais máis de 50.000 persoas nos 19 anos que leva activo.
Así mesmo, en todas as illas poden realizarse ata 10 itinerarios sinalizados. Cada un está indicado cunha cor e hai folletos explicativos sobre o percorrido, tanto na web como nas casetas de información do Parque. En canto á temática, recolle tanto aspectos naturais como culturais e histórico-etnográficos que axudan a coñecer cada arquipélago.

También te puede interesar