Vigo al minuto

Ecoloxistas en Acción e Greenpeace demandan en Vigo unha xestión sostíbel da pesca para protexer os océanos

Co gallo da reunión de ministros da UE na cidade

Ecoloxistas en Acción e Greenpeace demandan en Vigo unha xestión sostíbel da pesca para protexer os océanos

“Stop industrial fishing. Protect the oceans” é o lema da pancarta despregada por Ecoloxistas en Acción e Greenpeace hoxe no porto de Vigo. Diríxense así aos ministros de pesca da UE que están reunidos co gallo da Presidencia española da UE, ao ministro Luis Planas e ao futuro goberno. As activistas esixen que poñan fin á degradación e destrución dos océanos provocada pola pesca industrial.

Sobrepesca

Na actualidade a actividade pesqueira supón unha das maiores ameazas para a biodiversidade mariña. A sobrepesca aínda ameaza as poboacións de peixes e, malia que se foi reducindo en augas do Atlántico Nordés, no mar Mediterráneo máis do 70% das poboacións avaliadas están sobreexplotadas  e máis da metade das especies de quenllas, raias e quimeras están ameazadas.

Cambio climático

Aínda por riba, o cambio climático non fai máis que agravar a situación. Segundo os últimos datos, supéranse as peores predicións con máximos históricos de temperatura desde que temos rexistros: se non se pon fin ás emisións de gases de efecto invernadoiro, máis do 80% da biodiversidade mariña estaría en perigo en 2100 , sendo os depredadores superiores da cadea trófica dobremente ameazados polo cambio climático e a pesca e, por tanto, asociados a maiores riscos de extinción. 

A pesca é á súa vez vulnerábel e responsábel ao cambio climático. Segundo a FAO, os produtos do mar seguen a ser un dos alimentos básicos máis comercializados internacionalmente (en 2018, 67 millóns de toneladas —o 38% da produción pesqueira e acuícola— foi comercializada internacionalmente). De feito, dous de cada tres pezas de peixe que se consomen en España proceden de caladoiros afastados, coa pegada socioambiental asociada.

Propostas de Ecoloxistas e Greenpeace

Ecoloxistas en Acción e Greenpeace demandan ao Consello de Pesca da UE, ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e ao futuro goberno as seguintes medidas:

  • Prohibir todas as subvencións prexudiciais á pesca en augas distantes e en alta mar —con escasas excepcións para os Pequenos Estados Insulares en Desenvolvemento—, e garantir un acceso xusto e equitativo ao financiamento para a pesca costeira de pequena escala.
  • Reforzar os estándares sociais e ambientais das importacións para poñer fin ás importacións de peixes e mariscos provenientes de pesqueiras destrutivas ou daquelas que non respectan os dereitos humanos e laborais.
  • Apostar contundentemente pola transición cara a unha pesca neutra en emisións de carbono e de menor impacto a través dos fondos da UE, garantindo un acceso xusto e equitativo ao financiamento para a pesca de baixura e de pequena escala.
  • Protexer e restaurar os ecosistemas mariños incluíndo as zonas potencialmente salientábeis desde un ollar pesqueiro, como zonas de restauración de hábitats de interese para a pesca ou Reservas Mariñas.
  • Comprometerse coa protección dos Ecosistemas Mariños Vulnerábeis da pesca de fondo para asegurar a conservación destes ecosistemas esenciais para a biodiversidade.
  • Distribuír as posibilidades de pesca (cotas e esforzo pesqueiro) en beneficio da pesca de baixura e das comunidades locais de pesca, incluíndo criterios sociais e ambientais na repartición, como o número de traballadores ou a inxección á economía local, o aumento da selectividade, ou a redución do impacto sobre o fondo, seguindo as recomendacións científicas para rematar coa sobrepesca.

También te puede interesar